Corría o ano 1953 cando o señor D. Francisco Millares Dios solicitou nas oficinas do Concello de Ribeira, o correspondente permiso de obras para a construcción dun cinematógrafo, tal e como consta no citado documento:
«(…) Que precisa licencia del Ayuntamiento de su digna Presidencia para realizar las siguientes obras en una finca de su propiedad sita en el lugar de Campos de Arriba de la parroquia de Carreira para construir un edificio dedicado a cinematógrafo en el Km. 3 Hm. 8 de la carretera principal de Ribeira a Aguiño».

Alzado do proxecto inicial do cinema, que logo foi rexeitado.
Ademáis do señor Francisco, tamén o acompañaban nesta empresa D. Angel Sampedro Cores, Dna. Dolores de Dios Bretal e máis Dna. Mª Dolores Millares de Dios. Este proxecto causou toda unha grande expectación no pobo, pois deste xeito, a súa poboación vería como por fin se achegaban ós tempos modernos cunha actividade de lecer e cultural propia da vangarda tecnolóxica mundial.
O modelo do edificio orixinal non foi aceptado, e foi modificado ó ano seguinte polo daquela arquitecto do colexio da Coruña, D. Jacobo Rodríguez Losada co fin de darlle unha aparencia máis moderna e funcional, malia que non encaixaba moito no contexto arquitectónico da rúa onde se ía implantar. De construílo encargouse un contratista da parroquia, o señor D. Manuel Ameal.

Obra teatral escenificada no cinema Millares nos anos 60.
Unha vez rematado este, ó ano seguinte, o local convertiuse no cinema máis grande de todo o Concello, pois superaba en tamaño e butacas ós outros que había, chegando a ter unha capacidade de 322 asentos fronte ós 242 (sala é palco) do recen construído cine Rosalía de Castro (Ribeira), así como unha superficie en planta de 232 m2 cunha fronte de 11 metros de anchura. A máquina proxectora era unha Ossa VI (Orpheo Sincronic Sociedad Anónima, tamén fabricaba motocicletas) de carbóns de 35 mm de alta intensidade, máquina de fabricación nacional, e sen dúbida un dos mellores proxectores para cinema que había daquela. O proxecto final do edificio rematado tivo un custo total de 483.770 pesetas.

Algúns modelos de entradas do cinema dos anos 60 e 70.
A película “Madame de…” realizada no ano 1953, foi a que estreou as proxeccións, sendo a primeira o día 7 de xuño do ano 1954, día da Guía na parroquia. Posteriormente pasaríanse centos de películas nos seus primeiros anos, entre as que estaban os grandes clásicos do cinema do século XX, moitas do xénero spaghetti-western, etc. O edificio tamén serviu para representar espectáculos teatrais, acadando un cheo practicamente absoluto en cada sesión, pois a novidade foi moi ben acollida polos veciños dos lugares de Carreira e arredores, engadíndolle a elo dous salóns de baile, tres tabernas e unha sala de xogos que había preto dél, e que fixeron deste lugar da parroquia un centro de entretemento e lecer punteiro no Concello nas décadas dos anos 50 e 60 do pasado século. A finais do ano 1979 rematan as proxeccións no cine de Carreira. A parte frontal do edificio foi derrubada posteriormente para facer un feo e ordinario bloque de vivendas.
– Agradecementos á familia Sampedro – Millares, pola información aportada.
– Fonte: Arquivo Municipal de Ribeira,
Deixa unha resposta