A capela de San Roque da Granxa

Hai antigos documentos parroquiais arquivados no AHDS, que confirman que xa no ano 1505 se lle rendía culto ó santo en cuestión nunha capela da que hoxe se descoñece a súa localización.

É no ano 1679 cando o párroco D. Lorenço Dono Taboada (cura dende o 1668 ó 1688), funda a capela de San Roque no lugar da Granxa e tamén a correspondente confraría adicada ó Santo. Durante varios centos de anos, os fregueses de Carreira e arredores, acudiron cada 16 de agosto a esta pequena capela a rendir culto a este humilde santo popular, moi querido pola veciñanza, como así o demostrarían cas xuntanzas familiares que alí se realizaban anualmente, a pesares de estar situada bastante lonxe dos principais lugares poboados da parroquia, e de non ser festividade oficial o día da súa veneración.

Portada da acta da fundación da Confraría de San Roque do ano 1679.

O edificio da actual capela foi reconstruído polos daquela seus propietarios, a familia Correa, a comezos do século XX, despois de que estivese moitos anos abandonado, chegando incluso a quedar co tellado caído e o interior cheo de silveiras como nos di unha anotación feita no libro de fábrica parroquial do ano 1816, por mor dun preito entre os veciños de Santa Uxía e os de San Paio polos lindes de ámbalas dúas parroquias, que ó final se decidiría a prol dos últimos. A día de hoxe, a capela é propiedade da familia De La Sota (Pontevedra).

Interior da capela de San Roque, ca imaxe do Santo pousada nun pequeno altar de pedra.

Nos anos sesenta do século XX, o párroco D. Alejandro Bello (cura dende o 1958 ó 2000), ordenou restaurala un pouco, xa que o seu estado era moi lamentable, e darlle empuxe así á celebración anual da romaxe correspondente ó día de San Roque, que cada 16 de agosto reunía a moitos fregueses nos seus arredores, onde se xuntaban a comer e pasar o día na compaña de familiares e amigos, así como de xentes doutros lugares que se acercaban á capela a celebrar o día, todo elo dentro dun ambiente moi festeiro e animado. Tamén había un pequeno cantar mariñeiro autóctono adicado a esta festividade, e que dicía así: «Somos de Carreira, somos, non o queremos negar, o día de San Roque, non imos ao mar». Desgraciadamente, o paso do tempo e os novos xeitos e costumes culturais da sociedade moderna, fixeron que esta romaxe fora indo a menos, ata quedar case que no esquecemento.

O entorno actual da capela está bastante descoidado, e a mesma corre o risco de quedar seriamente danada polo seu carón coa moi transitada estrada local, a pouco máis dun metro de separación, e que a fai moi vulnerable ó perigoso paso do tráfico rodado.

– Fonte: Arquivo Histórico Diocesano de Compostela.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Basado en WordPress traducido por egalego.com | Tema: Baskerville 2 por Anders Noren

Subir ↑