Durante uns anos do século pasado, houbo en Carreira unha fábrica de gasosas. Fundada polo señor D. Francisco Santamaría Paz a finais do ano 1948, comezou a súa andaina nunha pequena casa situada no lugar de Campos, a carón da muiñeira de Millares.
Alí comezaron o embotellado de refrescos co número de fabricante 2571, e o seu posterior reparto por toda a parroquia e arredores nun pequeno carro de cabalos. Era unha das catro fábricas que había en todo o Concello, xunto cas de Abelleira (El Manantial), Reiriz e La fuente del oro/Teimar en Ribeira. Tamén houbo outra en Palmeira a mediados da década dos 50, a de Pablo Gago, que só traballou tres anos.
A partires do ano 1962 fíxose cargo da fábrica D. José Muñiz, xenro do fundador da mesma, e a fábrica sufriu un proceso modernizador no referente a maquinaria así como ó sistema de reparto, xa que se mercou un camión Ebro de fabricación nacional, con placa de matrícula C-27507, algo realmente novo que viña a substituír o reparto tradicional en carros de cabalos. Tamén comezou a distribución de viños da marca Cesa (Betanzos) e de cervexas Estrella Galicia (A Coruña), que deixaría anos despois para cambiar á marca Cruz Azul (Pamplona).

A familia Santamaría fronte á súa primeira fábrica de gasosas (anos 60).
Asemade comezou a fabricación de refrescos gaseosos con sabor a laranxa, embotellados no mesmo envase que as gasosas tradicionais, en formatos de litro e de medio litro, e de sifón (soda), moi utilizado sobre todo en bares e restaurantes. Con outro camión de reparto novo da marca Ebro, fixo chegar gasosas, viños, cervexas e refrescos de calidade ós habitantes de Carreira, Aguiño, Artes e algún que outro sitio máis dos arredores nunha época na que non abondaban este tipo de bebidas nos establecementos comerciais como a día de hoxe.
Entre os anos 1978 e 1979, a fábrica mudou a súa localización para trasladarse ó lugar da Capela, a unha nave moito más grande e cunha maquinaria máis moderna e automatizada, axustándose así ás necesidades que a carga de traballo lle impoñía. Pero a chegada de marcas multinacionais que ofertaban máis variedade de produtos a prezos máis económicos, fai que a fábrica teña que cambiar a súa situación no eido comercial.

Detalles dun envase de medio litro do ano 1975.
Foi no ano 1990 cando a fábrica desapareceu definitivamente ó integrarse na sociedade Gaseosas Barbanza con sede na Pobra do Caramiñal, composta por dous socios desta localidade e máis Gaseosas Santamaría, poñendo remate así a catro décadas de fabricación de gasosas na parroquia de Carreira.
– Agradecementos á Familia Santamaría-Muñiz pola información e imaxe aportada.
– Fonte: Juan Carlos Villar Angeriz. “Apuntes sobre la gaseosa en la provincia de A Coruña” – (2022).
Deixa unha resposta