Pouco antes do comezo da guerra civil, o goberno de España dedicouse a actualizar e mellorar a cartografía militar e civil do país, percorrendo tódolos cornechos da xeografía e trazando planos moi peculiares cos cales actualizar os anticuados, imprecisos ou inexistentes mapas.
Entre os anos 1938 e 1941, os técnicos do Instituto Geográfico y Catastral realizaron o levantamento topográfico das cuadrículas que faltaban do Plan Director do mapa de España a escala 1:25.000. Estas cuadrículas que faltaban eran unha grande parte delas as correspondentes a esta parte do país, incluíndo tamén a parte da parroquia de Carreira e arredores, e proba delo son algunhas das imaxes que acompañamos neste artigo, onde se pode apreciar (imaxe superior) o núcleo principal da parroquia formado polos lugares de Montevixán, Pedriñas, Campos, Outeiro, Filgueira, A Capela… non moi exactos que digamos, pois algúns topónimos aparecen fora do seu lugar correcto, así como algúns outros os cales están deturpados e castelanizados, pois a maior parte dos enxeñeiros non eran desta terra e moitas das veces se equivocaban ó transcribir os nomes que lles dicían as xentes ás que lles preguntaban.

Detalle dunha minuta feita á man sobre papel milimetrado onde se aprecia o núcleo de Frións (1940).
Polo que respecta ás aldeas diseminadas pola contorna, apreciamos como estaban segundo os equipos de cartógrafos do IGC, as casas e camiños do lugar de Frións, lugar este ultimo onde está situada a igrexa mailo cemiterio parroquial. Foron topografiadas tódalas aldeas desta parroquia e veciñas, e vendo os debuxos realizados, nada teñen que ver a como son a día de hoxe.

Detalle dunha minuta ca planimetría de Carreira e arredores, xunto ca illa de Sálvora.
Equipos de enxeñeiros, topógrafos e cartógrafos, eran os encargados de moverse por tódolos cornechos do país facendo medicións e cálculos de planimetrías, altimetrías, e anotando tódolos accidentes xeográficos que logo plasmarían nas minutas en papel milimetrado, primeiramente á man, con lápices e bolígrafos como se pode apreciar nas imaxes, para unha vez revisados, crear os mapas definitivos con modernas máquinas de impresión.

Detalle da cuadrícula 151 (Puebla del Caramiñal) definitiva do ano 1942 onde se detalla a parroquia de Carreira e arredores.
Moito camboiu a parroquia e a súa contorna logo de 83 anos. Se comparamos unha imaxe actual dun mapa desta zona con outra desa época, apreciaremos un importante cambio moi significativo onde se considera o grande cremento dos lugares deste Concello, tanto en numero de vivendas como no aumento da rede viaria.
– Fonte: Instituto Geográfico Nacional – Madrid.
– Fonte: Mapas y cartógrafos en la Guerra Civil española (1936-1939) – Ano 2013.
Deixa unha resposta