Conflitos relixiosos

A finais do século XIX, un novo movemento relixioso encadrado no cristianismo protestante, se estaba a introducir en Galicia da man de misioneiros ingleses respaldados pola organización británica Echoes of Service, unha axencia de apoio á difusión misioneira internacional para a expansión da Igrexa Evanxélica.

A cidade de Marín foi un dos principais núcleos onde se estaba a implantar o protestantismo en Galicia, de feito aí tiñan a súa sede principal dende o ano 1882 e de aí partían os misioneiros ata outros destinos da rexión, sendo un deles Ribeira, concretamente o lugar de Castiñeiras e tamén a parroquia de Carreira, lugar este último onde houbo varios enfrontamentos violentos entre os misioneiros e unha parte da veciñanza arengada pola Igrexa Católica Romana, a cal vía como podía perigar a posición dominante que dende facía centos de anos tiña nesta terra. Asemade, os veciños non querían oir falar deste novo xeito de enteder a Deus, e o cura párroco facía o posible para poñelos en contra dos protestantes. Ca finalidade de evitar que mais xente se sumara á causa evanxélica, ameazaban con retirar sacramentos ós enfermos, negarse a enterrar difuntos, e mesmo con excomulgar a quenes acudiran a este novo culto.

A vila de Marín, no ano 1899. No centro, o edificio máis alto é a Capela Evanxélica.

En abril do ano 1889, chegaba un panadeiro de Marín a comezar a evanxelización nesta terra, e seguidamente foi o misioneiro Cecyl Hoyle, chegado de Vigo e apoiado por Henry Turrall que viña de Marín, os que comezaron a predicar tanto en Castiñeiras como en Carreira, pois de Ribeira foran expulsados. En Carreira utilizaban dous locais que tiñan alquilados como vivendas nos lugares da Capela, a carón da ermita da Guía e máis en Montevixán, a carón do cruceiro dos Aflixidos, invitando a todo aquel que quixera escoitar as súas predicacións e se interesaran por coñecer máis deste culto cristián, para saber si lles conviña ou non abrazaren a nova fé.

No ano 1908, trasladouse a Carreira o pastor Jorge Conde, quen foi o que ideou a construción dun templo onde predicar e evitar así os ameazados domicilios particulares, e tamén se asentaron nesta parroquia despois do ano 1916 Samuel e Joanne Chapman. Os párrocos de San Paio e máis algunhas parroquias de arredor, seguiron enviando arengas á veciñanza tratando ós novos misioneiros como fraudes e impostores que non viñan senón a acabar ca que para eles era a verdadeira fé, o catolicismo imperante dende facía séculos. Os misioneiros redactaron senllos escritos ás autoridades locais e provinciais, e mesmo ó consulado británico, dando conta dos abusos e intolerancia ós cales estaban sendo sometidos, tales como insultos, ameazas, e incluso violencia física, chegando moitas das veces a ter que intervir as forzas de seguridade para impedir que tanto os misioneiros coma os seus seguidores foran agredidos e pedindo protección, xa que tamén chegaron a ser detidos e estar recluídos inxustamente varias veces por orde das autoridades mentres non se esclarecían os feitos.

Carta de Jorge Conde enviada ó alcalde de Ribeira no ano 1908.

Os conflitos chegaron a durar moitos anos, de feito, hai documentación que vai dende o ano 1889 ata o ano 1909, onde se da conta de episodios violentos e de abusos nos cales teñen que intervir as autoridades e a garda civil para poñer fin a estas trifulcas e atropelos. Aparecen nos arquivos locais escritos realizados por parte dos misioneiros, das autoridades, e tamén de membros da Igrexa Católica defendendo cada parte os seus intereses, chegando a desparecer os problemas afortunadamente nos anos 20 do pasado século, pouco despois da construción da capela evanxélica no lugar de Xebre, a carón da Aldea de Castiñeiras, daquela pertencente á parroquia de Carreira.

Capela Evanxélica Ebenezer, no lugar de Xebre (Castiñeiras) na actualidade.

Dito templo inaugurado no ano 1912, foi construido co motivo de evitar a violencia que estaban a recibir quenes acudían ó culto evanxélico nas casas particulares onde se predicaban as reunións. Denominado Capilla Evangélica Ebenezer na honra á filla do matrimonio Conde, foi o punto de partida do culto protestante no noso concello, pois aí tiñan as súas reunións sen interferir ca Igrexa Católica e alonxados de calquera lugar habitable para evitar conflitos cas autoridades relixiosas católicas e os seus fieis. Os seus impulsores foron Henry e Benjamin White, da igrexa evanxélica de Marin. Co paso do tempo, os crentes nesta nova fe foron aumentando significativamente pero sen chegaren a ser unha amezaza para a maioría católica dominate, e a situación de conflito afortunadamente foise normalizando como era de agardar nunha sociedade cada vez máis tolerante e civilizada.

– Agradecementos a David Figueirido Woodford (Ribeira).

Fontes:

– H. Turrall, B. White. Galicia, Noroeste de España, 2007.

– Marcos Gago. En los campos de Galicia – 2007.

– AMR. Expedientes de protección ós ingleses protestantes.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Basado en WordPress traducido por egalego.com | Tema: Baskerville 2 por Anders Noren

Subir ↑