Nas festas parroquiais do ano 1980 e 1981, o grupo local de música pop-rock Petoucos a Rebolos fixo as súas primeiras e únicas actuacións en directo. Pouco despois, e tras varios trocos de persoal por mor de obrigas profesionais e persoais, o grupo mudou de nome pasando a chamarse Desorden.
Kiko Muñiz conseguiu facerse cun modesto baixo e Manolo tiña a Stratocaster do seu irmán. Contactaron con dous rapaces da Ribeiriña (A Pobra), Juan, que tocaba a batería, e Raúl que tocaba a guitarra e cantaba. Decontado comezaron a facer cousas xuntos e a darlle forma ás pezas que Manolo e Kiko ían compoñendo. Quizais foi este o cambio máis grande, pasar de versionar cancións que eran doutros para crear composicións propias. Manolo encargábase da música e Kiko das letras, poñendo ademais a súa voz para cantalas. Os ensaios facíanse na fin de semana na casa vella da familia de Kiko e gravaban nun vello radiocasete.

Artigo de La Voz de Galicia sobre Desorden. 11/05/1984.
Aquí participaban todos con cadansúa opinión. O cuarteto comezou con pequenas actuacións polos bares musicais de Ribeira, empezando a seren coñecidos no “mundillo” da música local. A marcha de Raúl deixou ó grupo convertido en trío contando coa inestimable colaboración e aportación das máis novedosas tendencias musicais de Javier Millares, o cuarto membro do grupo. A finais de maio do ano 1984, anotáronse nun concurso de grupos que se ía celebrar en Disco 3, unha famosa discoteca de Boiro, parecéndolles unha boa iniciativa para darse a coñecer. Non puideron rematar o concurso, pois Manolo tivo que abandonar por mor de obrigas profesionais.

Cartazes de algunhas das actuacións de Desorden e Cantos de Maldoror. Ano 1984.
Durante a ausencia de Manolo e ca incorporación de Javier Millares, o grupo seguiu ensaiando e facendo novas pezas que significaron para o grupo, aparte dunha renovación do repertorio, un cambio na tendencia musical da banda, grazas sobre todo á aportación da guitarra de ritmo de Javier, o cal utilizaba unha Telecaster Deluxe. E foi no mes de agosto, xa de novo con Manolo, cando máis actuacións tiveron adoptando a banda o nome definitivo de Cantos de Maldoror, tocando en locais de moda de Ribeira como eran o Cactus, Costa Oeste, La Polilla ou o mítico Factoría (ex-Domi).

Unha imaxe de Cantos de Maldoror nunha das súas actuacións no pub Domi, en Padín (Ribeira). Ano 1984.
As cancións e a técnica dos músicos foron perfeccionándose a base de ensaios e actuacións, destas quizáis merecería un comentario especial a efectuada no verán do 1985 no bar Factoría xunto co grupo de Santiago Los Miserables. A actuación foi a mellor das realizadas ata ese momento, o ambiente era propicio e o público respondeu moi ben tarareando algunhas das súas cancións. Pero foi tamén a derradeira actuación do guitarrista Manolo e a derradeira actuación do grupo, aínda que Kiko e Juan seguiron a súa andaina por outras bandas diferentes nos anos seguintes.
– Agradecementos a Manuel Crujeiras pola axuda e información aportada.
Deixa unha resposta