O Catastro de Ensenada (e II)

Partindo da base documental do Catastro de Ensenada, imos darnos unha idea de cómo era a mediados do século XVIII o termo de San Paio de Carreira, a que fora a parroquia máis forte da bisbarra no eido económico e demográfico ata esa época, para logo deixar paso a Santa Uxía de Ribeira, que xa comezaba a despuntar ca súa industria pesqueira.

No ano 1753 e formando parte das Reformas Borbónicas feitas durante o reinado de Fernando VI (1746-1759), inténtase reorganizar por completo os ingresos e gastos da facenda pública do Estado. O encargado de levar a cabo esta labor foi o daquela Ministro da Coroa, Don Zenón de Somodevilla y Bengoechea, Marqués de la Ensenada. Este funcionario rioxano, xa fora co anterior monarca Felipe V o artífice de varias reformas administrativas e colaborador en varios organismos dependentes da Administración Naval.

Retrato de Fernando VI, Rei de España na época en que se realizou este catastro.

A devandita reforma fiscal quixo saber por medio dun catastro as cantidades recadadas por tódalas taxas, e conseguir así unha estatística da riqueza da poboación nos reinos da Coroa de Castela. Mediante o citado catastro, o que se procuraba era establecer a taxa da contribución única, e como consecuencia dela, que houbera un reparto da mesma de forma máis xusta e proporcional como demandaba a cidadanía.


A parroquia segundo as respostas do interrogatorio.

Esta freguesía era coñecida polo nome de San Pelaio de Carreira, e era do Señorío dos Reverendos Arcebispos de Compostela como anexa á Xurisdicción de Noia. Estaba integrada na Provincia de Santiago pertencente ó Reyno de Galicia. Aínda non existían os Concellos tal e como os coñecemos a día de hoxe.

O cura párroco era D. Manuel Facundo Bodero que tiña trinta e tres anos. Ó seu servizo traballaban tres criados e tres criadas maiores, e estaba na posesión de dúas casas ademais da maior parte das terras que lles traballaban moitos dos seus fregueses. Logo do cura párroco, a persoa de máis relevancia da parroquia era o chamado mordomo pedáneo, representante das autoridades de Noia na freguesía, e encargado de exercer as funcións administrativas e xudiciais a nivel local, e a recadación das taxas. Nese ano era o señor Juan de Lampón, de oficio labrador, que tiña 50 anos e que estaba viúvo.

O número de veciños rexistrados era de douscentos sesenta e seis, pero hai que ter en conta que na época do Antigo Réxime só se referían ós cabezas de familia, e non se tiñan en conta as mulleres e os nenos menores. Segundo o Libro de Legos deste mesmo catastro, a cifra total de habitantes rolda os 1140. A maior parte das xentes vivían da agricultura e da gandería, e tamén había algúns veciños que se adicaban conxuntamente co agro á pesca de baixura, aproveitando segundo que épocas do ano lle eran máis axeitadas para cada actividade.

Primeira folla do interrogatorio de Carreira. Ano 1753.

En canto ós tipos de terreos de cultivo que había na parroquia, o que nos di o catastro e que eran de campo, labrado, de rego e secano, algunhas parras de viña, toxeiras e monte aberto con poucas hortas de coleiros e demais.

Había moi poucas árbores e basicamente eran álamos, loureiros, carballos, castiñeiros e algún que outro froiteiro, espallados por toda a freguesía sen orde algunha. Por suposto naqueles anos non existían as masas arbóreas de piñeiros e eucaliptos que tanto abondan na actualidade e que foron introducidas de xeito indiscriminado no século XX dentro dos plans de repoboación forestal.

Os froitos que se colleitaban nesta freguesía eran en maior parte centeo, trigo, millo, nabos, liño, algunha que outra froita, coleiros, cabazas en curto número e tamén algún viño. A pataca e o millo gordo recen chegados de América aínda comezaban a súa andaina, e non eran tan maioritarios como foron anos despois.

Mapa do Reino de Galicia demarcando as antigas sete provincias. Tomás López. Ano 1784.

Os animais de traballo que había no termo eran 382 vacas, 38 bois, 144 tenreiros, 5 poltros, 47 eguas, 670 ovellas, 230 años, 30 carneiros, 244 porcos con 64 porquiños de cría, ademais de 32 cólmenas de abellas e tan só un burriño, segundo tamén ven recolleito no Libro de Estados do citado catastro.

A industria que había en Carreira, reducíase a pouca cousa. Había no termo parroquial dezaseis muíños fariñeiros, os cales moían soamente de dous a tres meses do ano segundo os veciños pola falla de auga. Como se pode apreciar ou ben eran anos bastante secos, ou a escaseza na colleita do millo non era dabondo máis que para traballar eses meses, ou sinxelamente era un xeito de ocultar datos para evitar a grande cantidade de taxas e especies que tiñan que pagar pola fariña moída. Estes antigos enxeños fariñeiros dos que a día de hoxe quedan todos en pé aínda que a maioría en estado ruinoso, estaban situados como di o texto do interrogatorio nos lugares que son percorridos polo rego do Vilar, dende Castro ata a lagoa de Amendo, e máis no curso do rego Paxariño, dende Laxes ata A Filgueira.

O que tamén había na parroquia de Carreira daquela eran dous fornos telleiros, os cales producían soamente unha fornada de tella ó ano. Estaban situados na Horta de Casaldaviña e máis  na Toxeira do Varral, e eran propiedade dos señores Juan de Cruxeiras de 64 anos e Manuel Fernández de 60, ámbolos dous tamén labradores.

No que respecta á industria do mar, podemos dicir que daquela o número de embarcacións pesqueiras era de cincuenta e unha dornas, establecidas nos lugares de Aguiño e máis en Anquieiro. Non había barcos máis grandes en toda a parroquia.

Adicábanse as dornas sobre todo á pesca do polbo e artes menores, e soían traballar todo o ano dependendo tamén das condicións meteorolóxicas.

O único centro de reunión da parroquia era unha taberna situada en Montevixán, e que era propiedade de Juan Rodríguez, labrador e recadador, de 40 anos e con cinco fillos.

O resto dos oficios que había eran os que seguen: un escribinte, un canteiro, dous ferreiros, sete tecedores fixos, cinco tecedores eventuais, dez xastres, dous carpinteiros, cinco zapateiros, un sarxento do Exército destinado no rexemento de Pontevedra, e o resto eran basicamente labregos eventuais e algún que outro probe de solemnidade sen oficio nin beneficio.

Pero ó que máis medo lle tiñan os nosos antepasados eran ás taxas que habían de pagar ós representantes das distintas autoridades. Había unha grande cantidade de tributos que basicamente poderíamos resumir en tres tipos; señoriais, eclesiásticos e reais, malia que eran complicados de entender e sobre todo de recadar, de aí a que houbera moitos conflitos por estes motivos.

Pódese dicir logo de ollar todo o contido deste interrogatorio, que o pobo era a imaxe perfecta da Galicia costeira daquela. Un sitio probe, cheo de xente humilde e moi traballadora, e que bastante facía por sobrevivir e facer fronte ás taxas que lle caían enriba todo o ano. Por outra parte, unha vista da paisaxe desta terra naquela época pareceríanos algo incrible se a puideramos ver a día de hoxe; tan fermosa, tan diferente…

Fontes:

– Arquivo do Reino de Galicia. “Catastro de Ensenada. Personal de legos, eclesiásticos y estados de la feligresía de San Paio de Carreira”. A Coruña. 1753.

– Archivo General de Simancas. “Catastro de Ensenada. Respuestas Generales de la feligresía de San Paio de Carreira”. Valladolid. 1753.

– Transcrición: Fco. Javier Crugeiras Sampedro. Ano 2006.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Basado en WordPress traducido por egalego.com | Tema: Baskerville 2 por Anders Noren

Subir ↑