A casa de cultura

Así foi bautizada popularmente pola veciñanza o Centro Social de Carreira Irmáns Villar, edificio reconstruído polo Concello de Ribeira para a realización de eventos sociais e culturais, situado no lugar de Campos e inaugurado no verán do ano 1986.

Foron os herdeiros do señor D. Cipriano Villar Bretal e Da. Carolina Martínez Sotillo, os seus fillos Andrés e María, quenes con data 20 de setembro do ano 1982, doaron esta propiedade de 2376 m2 denominada “Horta de Campos”, incluíndo terreo e edificios anexos, ó Concello de Ribeira tal e como fora desexo dos seus pais. O señor Cipriano chegara a ser un dos presidentes do Pósito de Pescadores, e a señora Carolina fora mestra durante catro décadas na escola que houbera nesa casa. A doazón sería efectiva sempre e cando se cumpriran unha serie de condicións escritas entre as cales estaban as seguintes: que se utilizara para construir escolas de ensino especial, párvulos ou prescolar, casa da cultura, escola de artes e oficios, ou tamén un pavillón ou unha pista polideportiva, e se executara nun prazo inferior a 5 anos. O pleno do Concello aceptou esta oferta en decembro dese mesmo ano, e se puxo mans á obra para construír un centro cultural e social, o cal foi inaugurado catro anos despóis.

Parte da escritura de doazón da propiedade ó Concello de Ribeira. Ano 1982.

Andrés Villar Martínez, un dos doantes desta propiedade, estaba exiliado dende o ano 1943 en Tijuana (Baixa California, México), onde traballaba de escritor sendo membro tamén do Seminario de Cultura Mexicana, xunto ca súa irmán María, persoa moi culta e instruída, a cal estaba vivindo en Noia, cumprindo o desexo dos seus pais polo cariño que lle tiñan á parroquia, foron quenes cederon a súa herdade para o ben común do pobo de Carreira, tal e como consta na escritura pública de doazón que custodia o Arquivo Municipal de Ribeira. En palabras de María: “no pobo de Carreira, por desgracia, hoxe hai moi pouca xente que se interese pola cultura, e teño medo a que a casa da cultura se constrúa, e logo non sirva para nada”.

Imaxe da construcción do edificio. Ano 1985.

A empresa encargada de realizar as obras foi Construcciones Oñial, S.L., de Dodro, e o custo das mesmas ascendeu a un total de 8.962.318 pesetas. A casa na cal se fixo o Centro Social fora construida no ano 1854, reformada no 1936, e posteriormente serviu durante moitos anos de escola; as cortes que había ao seu carón botáronse abaixo, mentres que o hórreo e o entorno foron reacondicionados.

Este singular edificio foi usado para diversas actividades, no mesmo hai unha estancia a cal foi destinada a bar/cafetería durante varios anos, e outras estancias máis, tales como unha biblioteca, a cal apenas chegou a funcionar, e máis un salón de actos onde se celebraron multitude de eventos deportivos, culturais, informativos e de lecer organizados polas distintas asociacións culturais, políticas e recreativas que houbo en Carreira e arredores durante todos estes anos, salientando que últimamente ven sendo o local onde a Asociación de Veciños celebra as súas charlas, cursiños, proxeccións, festas, e outro tipo de eventos culturais, e máis durante varios anos o edificio anexo construído posteriormente, tamén foi a sede social do obradoiro de emprego do Concello de Ribeira, a escola taller Illa de Sagres, onde se impartiron unha gran cantidade de cursos de formación ocupacional, promocionando o emprego entre a poboación local.

Fontes:

– La Voz de Galicia. 24/02/1983 e 03/07/1986.

– Arquivo Municipal de Ribeira.

– Foto Eugenio (Ribeira). Retocada e coloreada.

– Agradecementos a José Manuel Pena Sampedro, pola información aportada.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Basado en WordPress traducido por egalego.com | Tema: Baskerville 2 por Anders Noren

Subir ↑