A Cruz de Aguiño: Un misterio ancestral

Continuando ca serie de artigos adicados a Aguiño, presentamos hoxe un documento datado en marzo do ano 1930, e publicado na revista Céltiga, que nos achega á famosa e misteriosa Cruz de Aguiño.

A revista Céltiga foi unha publicación cultural ilustrada editada en Bós Aires, Arxentina, impulsada por artistas e intelectuais galegos. Redactada tanto en castelán como en galego, estaba orientada principalmente á comunidade galega emigrada nos países da área do Río da Prata.

A cruz de Aguiño debuxada por J Bautista Lemiña. Ano 1930.

Juan Bautista Martínez Lemiña, nado en Ribeira no ano 1906, mestre, xornalista, músico e ilustrador, asina baixo o pseudónimo Tis-Ta-Bau este artigo. Nél, entrevista a varios anciáns de Aguiño co obxectivo de afondar nas lendas arredor da cruz e de antigas poboacións desaparecidas, como Tras As Cortes e o emblemático lugar de Paredes, que sí figura mencionado en diversos libros parroquiais do século XVII e máis nun mapa do cartógrafo Pedro Teixeira, datado no ano 1634.

Unha imaxe do outeiro ca cruz tomada no ano 1984.

Os primeiros poboadores de Aguiño, alá a comezos do século XIX, xa coñecían a existencia desta cruz, pero descoñecían a súa orixe. Quen a construíu? Por que foi erixida? Todo eran suposicións. Aínda hoxe, persiste o misterio arredor desta escultura pétrea. A crenza máis estendida ó longo dos séculos foi que a cruz se colocou sobre o outeiro ca intención de cristianizar o lugar, onde, segundo a tradición, se realizaban sacrificios pagáns. Isto era unha práctica habitual no cristianismo, que ó longo da Historia adaptou lugares de culto pagán para fins relixiosos.

Esta antiga e singular cruz, tallada en pedra e situada nun outeiro, deu nome co paso do tempo a un dos barrios da parroquia de Aguiño, que, de feito, se chama hoxe A Cruz. Agardamos que a lectura deste vello documento sexa do seu agrado e lles transporte, aínda que sexa por uns instantes, á descoñecida e misteriosa historia da nosa terra.

– Imaxe portada: Tucho Parada Mariño. Ano 1984.

– Imaxe outeiro: Domingo Regueira González. Ano 1984.

– Fonte: Consello da Cultura Galega. Revista Céltiga. 10/03/1930.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Basado en WordPress traducido por egalego.com | Tema: Baskerville 2 por Anders Noren

Subir ↑