A partires dunhas guitarras españolas de pouca calidade, catro acordes, unhas sencillas cancións e moitas gañas e ilusións, un grupo de chavales de Carreira, tiveron na música a súa opción máis importante de diversión.
Este grupo de amigos estaba formado por Kiko Muñiz, Javier Millares, Manolo Crujeiras, Kiko Sampedro, J.Fco. Villaverde e Serafín Vidal. Xuntábanse para darlle forma a unha idea nacendo así “Petoucos a Rebolos” (Piedras dando tumbos), nome non moi orixinal, que os definía moi ben. O nome do grupo non era máis ca traducción literal do nome do grupo de rock máis famoso do mundo, The Rolling Stones. Cun grupo de voces femininas do pobo, comenzaron interpretando cancións relixiosas na misa de doce dos domingos animados por un xoven cura, Guillermo, que daquela estaba na parroquia facendo as súas prácticas antes de ordenarse sacerdote.
Esta actividade fórona deixando ó tempo que se centraban máis en darlle forma a un posible grupo. Villaverde sería o cantante acompañado de Serafín que tocaría a guitarra de acompañamento, Javier e Manolo serían os guitarras solistas e de ritmo, Kiko Sampedro tocaría unha batería virtual e imaxinaria, o outro Kiko sería o guitarra de baixos e tamén faría voces. “Rocinante” e “Ser urbano” do grupo Asfalto, “Lola” de Los Brincos, “Breathe” de Pink Floyd, “Nights in White Satin” de The Moody Blues, “The House of the Rising Sun” de The Animals, son algunhas das pezas que adaptaron ás súas características.
Tiveron a súa primeira actuación nas festas patronais do ano 1980, amenizando o descanso da verbena que se celebraba na praza que había entre o grupo escolar e a nova fábrica de gaseosas. Os instrumentos que usaron pertencían ó grupo contratado para ese día. Como documento deste primeiro contacto co público e cos instrumentos eléctricos, queda unha soa foto na que se pode apreciar, de esquerda á dereita, con chapeu a Javier Millares, de costas Villaverde, con barba e mirando cara a un lado, Manolo, e por último, Serafín, de fronte cunha guitarra acústica prestada para a ocasión polo irmán de Manolo, José Angel. Os dous Kikos, baixo e batería, lamentablemente quedaron fora do obxectivo da cámara.
Do que se interpretou esa noite, non queda constancia quizáis debido a que, cando ía entoar a primeira canción, Villaverde, o cantante principal, quedou sen voz. A partires dese intre, todo foi caos e improvisación. Un ano máis tarde repetiron e a cousa foi un pouco mellor. Estas foron as únicas ocasións nas que o grupo “Petoucos a Rebolos”, enriba dun escenario, interpretaron as súas cancións, a súa música.
– Texto: Manuel Crujeiras Sampedro.
– Imaxe: Pepita Paz Silva (Vixán).
Deixa unha resposta