Miradoiro ó Atlántico

O Monte da Cidá, tamén coñecido como Monte do Castro, érguese no extremo sur do Concello de Ribeira como unha presenza que transcende o puramente xeográfico. É territorio, é memoria e é símbolo. O seu vértice xeodésico, situado a 207 metros sobre o nivel do mar, marca un dos puntos máis altos do municipio, converténdoo nun balcón natural dende o que a terra e o océano dialogan sen interrupción.

Abrangue unha extensión aproximada de 140 ha, e actúa como liña divisoria histórica entre as parroquias de Carreira, Artes e Ribeira, tal e como documentan con precisión os antigos apeos parroquiais ben custodiados nos arquivos históricos e parroquiais do noso país. Polo norte, linda cos terreos de San Xián de Artes e ca extensa horta de La Soledad, así como ca rexia e antiga Devesa do Rei, lugar de onde se extraía moita da noble madeira para para a construción dos barcos de guerra da entón poderosa e temida Armada Española; polo leste, ca freguesía de Santa Uxía de Ribeira; e polo sur, ca de San Paio de Carreira da cal forma parte na súa totalidade. Cara ó oeste, o monte descende con firmeza ata atoparse cas rochas da hoxendía turística Praia do Vilar, coñecida antigamente como Praia do Castro, nunha referencia directa ó asentamento que domina o seu cumio.

Fermosa vista do castro da Cidá, no cume do monte. Ó fondo, o cabo Corrubedo e o parque dunar. Ano 2018.

Vista da entrada da ría de Arousa dende o miradoiro da Pedra da Rá, cas casas de Carreira e Aguiño en primeiro termo, así como a illa de Sálvora e os illotes de Noro, Vionta e O Carreiro, nunha imaxe tomada no ano 2006.

No alto, coroando o cume, aséntase o castro que lle dá nome. Escavado entre os anos 2014 e 2021, as intervencións arqueolóxicas e estudos realizados permitiron datalo nunha antigüidade aproximada de 2.700 anos, o que o sitúa entre os máis antigos de Galicia. A súa configuración revela unha intelixente concepción defensiva: unha marcada caída en altura reforzada por dúas murallas concéntricas —das que só foi escavada a interior— protexían este pequeno poboado fortificado. Unha fortaleza adaptada ó terreo, ben defendida e ó tempo exposta ós ventos dominantes que, hoxe coma onte, modelan o seu perfil.

A contorna do monte conserva tamén vestixios megalíticos: varias mámoas que, malia seren saqueadas no seu día, aínda permiten a súa identificación e catalogación. Xa foron notificadas por Frei Martín Sarmiento nos seus libros de Viaxe a Galicia, e posteriormente estudadas por outros investigadores que deixaron constancia da riqueza patrimonial deste enclave. Cada pedra, cada leve prominencia do terreo, fala dun pasado remoto que segue latexando baixo a herba.

En outubro do ano 2015, derrubouse a estrutura de ferro e formigón de subida á Pedra da Rá.

A carón da horta La Soledad localízanse antigas minas de seixo, hoxendía abandonadas, testemuñas dun aproveitamento máis recente do monte. Neste mesmo ámbito nace a fonte do Esperón, punto de orixe do Rego da Cidade, o cal desauga no Carregal. Polas súas ladeiras leste e sur xorden tamén os regos de Pedrín e do Vilar, que verten as súas augas no porto de Ribeira e na lagoa de Vixán respectivamente, conformando unha delicada rede fluvial que vertebra a paisaxe e acompaña o discorrer da vida.

Mais se o cumio garda a memoria ancestral, o miradoiro da Pedra da Rá (coloquialmente Pedra da Arrán), ofrece a plenitude da mirada. Dende este enclave privilexiado ábrese un dos panoramas máis impresionantes de Galicia e, sen esaxeración, tamén de España. O horizonte esténdese desde o Cabo Corrubedo ata a entrada da ría de Arousa, abranguendo todo o espazo marítimo terrestre do parque natural das Dunas de Corrubedo e permitindo distinguir ó seu arredor as casiñas de Carreira, Aguiño e parte de Castiñeiras. No centro da escea preside maxestuosa a illa de Sálvora, rodeada polos seus numerosos illotes e baixos, e en días de ceo claro poden divisarse as illas Ons e Cíes cara ó sur. Todo isto baixo a inmensidade do océano Atlántico, que se expande poderoso e eterno, envolvendo o conxunto nunha sensación de grandeza difícil de describir, e onde se pode magnificar contemplando o solpor maxistral que alí acontece a diario.

No propio miradoiro érguese a emblemática Pedra da Rá que lle da nome, derradeiro resto duns grandes outeiros primixenios que serviron de canteira para a extracción de sillares destinados a edificios de Ribeira a mediados do pasado século. A súa silueta caprichosa inspirou distintas denominacións populares ó longo do tempo: “Os Cornos do Boi” ou “A Cabeza da Vaca”, segundo a perspectiva dende a que se ollara. A actual denominación, “Pedra da Rá”, responde á súa aparente forma de anfibio cando é contemplada dende Carreira, perpetuando así a tradición oral e a imaxinación colectiva da veciñanza.

Na contorna desta pedra, e dentro do programa municipal Ribeira Atlántica 2015, acondicionouse no ano 2016 un espazo pétreo deseñado polo arquitecto Carlos Seoane, integrando intervención contemporánea e respecto pola paisaxe. Compre sinalar que esta actuación acadou varios premios de arquitectura, e foi finalista da prestixiosa Biennale di Venezia do ano 2025.

O Monte da Cidá constitúe así unha visita imprescindible para quen se achega ó Concello de Ribeira. É un lugar onde converxen historia, arqueoloxía, tradición, natureza e turismo nun equilibrio singular. Mais por enriba de calquera dato técnico ou recoñecemento arquitectónico, o verdadeiramente esencial é a experiencia: contemplar dende alí a luz cambiante do solpor, sentir o vento atlántico na faciana, e escoitar o bater das ondas contra a costa de Galicia. Porque neste monte non só se observa a paisaxe; vívese, interprétase e gárdase para sempre na memoria.

Imaxes:

– Antonio Parada Mariño (Aguiño).

– Moncho de Sirves (Sirves – Olveira).

– La Voz de Galicia. A Coruña.

Comentarios pechados

Basado en WordPress traducido por egalego.com | Tema: Baskerville 2 por Anders Noren

Subir ↑