Autor: Fernando Cabeza Quiles. Agosto 2025.
CANDO A PARROQUIA DE SANTA UXÍA DE CARREIRA PERDEU A SÚA ADVOCACIÓN PARA DARLLA Á DE RIBEIRA.
Sabemos, pola documentación antiga, que a actual parroquia de San Paio de Carreira se chamaba a principios do século XIII, antes de que se crease a de Ribeira, Santa Uxía de Carreira.
Así, nunha atestación do ano 1200 do mosteiro de Toxos Outos lemos: “facimus cartam vendicionis de tota nostra hereditate quantam habemus (temos) in villa que vocatur Dayam in cocurrencia Sancte Eugenie de Carraria que est in terra Pistomamarchos”, cando o lugar de Deán, poucos anos despois diversificado en Deán Grande e Deán Pequeno, pertencía á freguesía de Santa Uxía de Carreira e a de Ribeira aínda non existiría.
Pouco máis tarde, en 1213, outro documento de Toxos Outos, di: “Dayam Minorem (Deán Pequeno) sub aula de Sancte Eugenie”, que debe ser outra vez a antiga parroquia de Santa Uxía de Carreira. Nun terceira atestación do ano 1242 do mosteiro de Armenteira a parroquia de Carreira aparece citada coa súa advocación actual, San Paio, ao nomearse un tal Pedro Vidal (apelido que se conservou no concello de Ribeira) natural dela: “Petrus Vitalis, (de) Sancti Pellagii de Carreyra”. Por este documento aventuramos que a parroquia de Carreira puido ter nalgún tempo (antes só a de Santa Uxía) a dobre advocación de San Paio (na freguesía houbo unha capela dedicada a este santo) e Santa Uxía, cedéndolle finalmente á de Ribeira a segunda.
A antiga advocación de Santa Uxía para Carreira parece prevalecer grosso modo ata mediados do século XIV, xa que no primeiro Libro de Tenzas da Catedral de Santiago segue sendo “Santa Ougea de Careyra”, aínda que uns anos máis tarde, en 1387, nun documento da colección diplomática de Galicia Histórica, aparece por primeira vez “Sta Ougea de Ribeira”, fundada na primeira liña da costa (non como Carreira), cando as incursións marítimas xa non serían unha ameaza.
No ano 1438, o Liber Tenencie de Horreo rexistra o nome da parroquia de Carreira coa advocación de San Paio: “Sto Payo de Carreyra” e en 1607 J. del Hoyo recolle “San Payo de Carreira”.

Fernando Cabeza Quiles (Ponferrada, 1953), é un destacado profesor, escritor e filólogo, ademáis dun grande especialista en toponimia de Galicia. É autor de numerosas obras de ensaio, poesía, ou relatos, e entre as súas obras máis destacadas sobre toponimia, podemos salientar as seguintes:
- Os nomes de lugar: topónimos de Galicia: a súa orixe e o seu significado. 1992.
- Os nomes da terra: topónimos galegos. 2000.
- Toponimia de Galicia. 2008.
- A Toponimia celta de Galicia. 2014.
- Toponimia da Estrada. 2018.
- Toponimia de Carballo. 2020.
- Toponimia de Ribeira. 2022.

Deixa unha resposta