Publicamos aquí un cartaz anunciador das Festas Parroquiais do ano 1950 na honra de San Roque e Nosa Señora do Rosario, confrarías relixiosas que había na parroquia dende facía varios centos de anos, como así o demostra a documentación custodiada no Arquivo Histórico Diocesan de Compostela.
Ditas confrarías desapareceron a mediados do pasado século XX, e só nos queda delas as misas que cada 16 de agosto se celebran na capela de San Roque da Granxa, xunto cas misas e festas da outra confraría que había en Carreira, a da Virxe da Guía. Podemos observar vendo o cartaz, que o mes no que se celebraba o evento era en outubro, mentres que a romaría da Guía se celebraba como era costume o primeiro luns de Pentecostés, e a festa na honra do patrón San Paio, o día 26 de xuño.
Dous días de celebracións relixiosas e festivas, que remataban cun grande concerto a cargo do daquela exitoso grupo musical Los Beiros, para seguir á medianoite cunha queima de fogos de artificio xunto cunha grande cantidade de bombas.

Cartaz promocional do exitoso grupo musical Los Beiros. Anos 50.
No cartaz aparecen algúns dos negocios punteiros da parroquia neses anos onde había variado tipo de actividades; tendas de comestibles, tendas de panos, fábrica de gasosas, muíños fariñeiros, carnicería, zapatería, panaderías… e tamén aparece un anuncio do daquela famoso transportista “Sevilla”, que co seu carro e o seu cabaliño chamado Lindo, repartiron todo tipo de mercadorías pola parroquia e arredores, que tal e como reza no anuncio… “non ofrece rapidez, pero sí seguridade“.

O carro de Sevilla e o seu cabaliño Lindo estacionados no lugar do Cruceiro.
Amosamos aquí unha das poucas imaxes que existen do carro de cabalos de Sevilla, que neste caso está a carón da antiga tenda de comestibles de Mós, no Cruceiro, fronte á cruz do Cristo dos Aflixidos.
– Cartaz cortesía de Pepa Muñiz e de Fco. Sevilla (Carreiriña).
– Imaxe do carro cortesía de Mari Pazos (Ribeira). Retocada e coloreada.
