Reflexións (IV)

Autor: Ciprian Rivas Fernández. Outubro 2025.

O MONTE DA CIDADE; UN CASTRO DA IDADE DE FERRO PARA SEGUIR INVESTIGANDO.

Saíndo de Aguiño podes tomar distintas rutas para desprazarte ao Monte Castro ou como é coñecido entre nós, Monte da Cidade ou da Cidá. Unha delas pode ser Barrio da Cruz, Braña do Muro, Parte al Río, Muiños de Amendo, O Vilar, Casan Lobo ou Casal Lobo e de aí todo cara ao monte.

É un recorrido fácil de realizar que transcorre coincidindo co Camiño de Santiago a Orixe dirección Corrubedo. Queda detrás de ti a ría para aproximarte ao océano inmenso, bordeando leiras cultivadas con millo, estremeiras coa lagoa de Vixán; auga do río Amendo que se desborda en regatos pequenos e rematan nalgún lavadoiro abandonado pola desidia dos veciños…, que non sempre son culpábeis as autoridades, sexan municipais ou autonómicas. A subida por Casan Lobo e por unha estrada ben pavimentada. Nese traxecto hai que estar atentos por estar aberto ao tráfico rodado circulando coches e ciclistas, pero non peóns.

Ascéndese dirección a San Roque para chegar a un pequeno anco non sinalado  pendentes de virar á esquerda dirección Pedra da Ra, un miradoiro que nun tempo representaba a figura dese batracio, pero hoxe non se lle asemella en nada. Disque tivo algún premio ao seu deseño.

Desde ese lugar a vista expándese pola ría de Arousa chegando ao cabo Silleiro, por riba de Sálvora, Ons e as illas Cíes en días claros. Cara ao Oeste, aparece o cabo Falcoeiro, a illa de Sagres e Corrubedo, presentes o  porto e o faro, acompañados dos montes Teira e Tahume estendendo as dunas de Olveira case ata  o mesmo porto. Se chegastes aí xa non tés necesidade de buscar outras paisaxes para alimentar a mirada. Para un espírito tranquilo este lugar cumpre as expectativas máis esixentes para respirar paz e escoitar o amargo queixume dos pinos, pois, os eucaliptos ou ben se queimaron ou ben se arrancaron sendo substituídos por outros novos plantados en ringleira nun predio estenso, mesmo debaixo do miradoiro. Medraran. Teñen entre 7 e 15 anos para acadar esa idade comercial e desfacerse de novo deles para cultivar outros.

Case 300 metros máis arriba está un dos vestixios da cultura castrexa do Barbanza, digno de visitar. Segundo as derradeiras escavacións, realizadas polo arqueólogo Miguel Vidal, rematadas no ano 2015, nun espazo de 750 metros atoparonse pezas de ornamentación, non se sabe si para mulleres ou homes, datadas na Idade de Ferro. Son 13 as chousas descubertas e unha muralla que rodea o perímetro onde se asenta esta antiga urbe habitada polos nosos devanceiros.

Queda moito por escavar, pero, si non se protexe o que xa está descuberto para que a cidadanía, de Ribeira ou de fóra, poidan realizar visitas guiadas onde as novas xeracións tomen conciencia do noso pasado, acabará enterrado polo mato, amosando o pouco orgullo de pertenza polo noso. As institucións deberían acreditar con investimentos o coidado deste patrimonio, pero, a desgraza e que diríxense por intereses distintos os de preservar a cultura e os sinais de identidade. Cantos máis burros máis manexables.

Máis, concellos limítrofes ao ribeirense fixeron unha aposta pola descuberta do seu pasado: A Pobra do Caramiñal, Boiro, Porto do Son, Rianxo por nomear a catro, con investimentos da Xunta e da Deputación provincial. É unha maneira de atender o propio. De recuperar un patrimonio ancestral. De falar de nós de darnos a coñecer no mundo. Exercicio realizado con éxito polos concellos de Porto do Son co Castro de Baroña ou o de Boiro co castro de Neixón, protagonista dunhas xornadas sobre arqueoloxía e historia. Ribeira, inda está a tempo de seguir esa liña xa marcada.


Ciprián Rivas Fernández (Castiñeiras, 1956). Exerceu como asesor dos presidentes da Xunta, Xerardo Fernández Albor, Fernando González Laxe, Manuel Fraga Iribarne, conselleiros de presidencia e administracións públicas, Dositeo Rodríguez e Xaime Pita Varela.

Director do Gabinete e de Relacións Institucionais do reitor da Universidade de Vigo.

Director Xeral de Ordenación e Promoción Turística do Goberno de Canarias.

Conselleiro Delegado de Hoteles Escola de Canarias.

Colaborador de opinión habitual en medios de comunicación: La Voz de Galicia, El Progreso de Lugo, Diario de Pontevedra, La Región, Faro de Vigo, El Día de Tenerife, La Provincia de Las Palmas, El País, La Vanguardia.


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Basado en WordPress traducido por egalego.com | Tema: Baskerville 2 por Anders Noren

Subir ↑