O corazón da aldea

Houbo un tempo no que o ritmo do pobo non o marcaban os reloxos, senón o paso lento das vacas. Polas mañás, cando aínda había brétema nos prados e o frío picaba nas mans, escoitábase o son dos muxidos e a súa respiración quente no aire. Aquel era o verdadeiro comezo do día.

O labrego poñía o xugo con calma e elas, pacientes, comezaban a abrir a terra. Non había présa, paso a paso, rego a rego, ían deixando preparada a leira para o millo ou as patacas que logo darían de comer todo o inverno. As súas patas afundidas na terra mollada eran traballo, eran futuro.

Vacas deitadas nun prado preto do lugar de Casalnovo. Ano 2002.

Non eran máquinas, eran parte da casa, porén tiñan nome de seu; Nova, Conchada, Pirica, Xubenca, Pinta, Ghallarda, Paloma, Marela… cada unha era distinta e tiña o seu temperamento. Había a máis mansa, a máis teimuda, a que coidaba do seu pucho con máis agarimo, chamábaselle polo seu nome e viñan. Atendían ás ordes; arrima, seee, huooo…. Dábano todo sen pedir case nada. O leite quente da mañá, a carne que alimentaba meses, o argheiro que facía medrar de novo a terra… e tamén compañía. O seu rumiar nas cortes escuras, o seu alento nas eiras… eran vida.

Vacas na praia de Anquieiro, preto de Vixán, a mediados dos anos 90 do pasado século.

Pequeno carro dunha vaca, diante da taberna de Andrés, en Vixán. Anos 70.

Despois chegaron os tractores, e con eles o ruído, o cheiro a gasóleo, a rapidez. O traballo fíxose máis doado, si, pero algo cambiou. As cortes, as eiras e os prados foron quedando baleiros. O silencio comezou a ocupar o lugar dos muxidos, e así, paseniño, fóronse para sempre.

Hoxe moita xente pasea polos prados allea ó pasado, sen saber que alí houbo unha alianza antiga entre o home e o animal, sen saber que esas vacas sostiveron casas enteiras, que levantaron economías humildes, que fixeron posible que moitas familias saíran adiante.

Quen aínda lembramos o seu alento quente no inverno, o cheiro a bosta no ambiente, ou unha dura e áspera lametada na cara, sabemos que con elas marchou algo máis ca unha forma de traballar, foise un xeito de vivir, de respectar os tempos, de agradecer. As vacas da nosa parroquia xa non están, e quizais o único que podemos facer agora é lembralas… agradecerlle o seu traballo, a súa compañía.

Fontes e agradecementos:

– Vacas na praia. Peter H. Eastland (Mani-Grecia). Ano 1996. Gracias pola súa amable axuda e información aportada.

– Vaca en Vixán. Josefa Paz Silva (Vixán-Carreira). Anos 70.

Comentarios pechados

Basado en WordPress traducido por egalego.com | Tema: Baskerville 2 por Anders Noren

Subir ↑