Un proxecto fotográfico realizado a mediados do século pasado en todo o territorio nacional permítenos “ver” unha imaxe aérea detallada de como era o noso país e, por conseguinte, as parroquias do concello de Ribeira.
Unha ollada real ó pasado dun territorio que, en poucas décadas, experimentou un notable cambio físico en consonancia ca transformación social derivada do paso do tempo, algo que podemos comprobar se observamos as imaxes correspondentes a Carreira e a súa contorna.
O Vuelo General de España de 1956, tamén denominado Voo Americano ou Serie B, foi un proxecto cartográfico baseado en orto fotografía aérea levado a cabo entre marzo do 1956 e setembro do 1957, no marco dun convenio subscrito entre o goberno español e o dos Estados Unidos de América. A través do Army Map Service realizouse a cobertura fotográfica da maior parte do territorio nacional, mediante voos sistemáticos a unha altitude aproximada de 5000 metros e a unha escala media de 1:33.000, resultando na obtención de 60.000 fotogramas logo de preto de 4600 horas de traballos.

Imaxe aérea parcial do Concello de Ribeira, tomada cunha cámara fotogramétrica Fairchild T-11, cas marcas fiduciais na súa marxe esquerda, e tomada dende un aeroplano Beechcraft RC-45 (USAF), como se mostar na imaxe superior de portada. CECAF – 12:09 h – 23/07/1956.
O desenvolvemento destas orto fotografías respondeu á necesidade de mellorar a cartografía de carácter militar, nun contexto de interese xeo estratéxico durante a Guerra Fría, así como ó estudo dun territorio que presentaba un notable atraso tecnolóxico e económico. Do mesmo xeito utilizáronse estas imaxes para confeccionar e rematar o catastro de rústica, comezado case que cen anos antes. Neste sentido, España e os Estados Unidos asinaron o 23 de setembro do 1953 o convenio de defensa coñecido como Pactos de Madrid, mediante o cal o goberno americano obtía dereitos de tránsito e uso de bases aéreas en territorio español, mentres que España accedía a material militar, modernización de infraestruturas e actualización cartográfica.


Nesta imaxe comparativa podemos alternar entre unha vista da zona do cruce do Vilar (antigo Pozo do Burgo), tomada no ano 1956, e outra do mesmo lugar tomada no ano 2012. A diferencia de cultivos e vivendas entra ámbalas dúas épocas é notable.
A análise dos fotogramas orixinais permite extraer conclusións relevantes sobre o estado do territorio de Ribeira de hai 70 anos. De forma xeral, obsérvase unha elevada proporción de superficie cultivable, propiedades ben delimitadas e organizadas, cursos de ríos, e camiños limpos e despexados, o que indica unha forte implantación da actividade agrícola como base económica da poboación local, complementada asemade pola actividade pesqueira. Do mesmo xeito, destaca a maior presenza de áreas areosas no ámbito costeiro, en contraste ca actual expansión da cuberta vexetal, especialmente en zonas a día de hoxe integradas no espazo natural das lagoas e das dunas de Corrubedo. Outro aspecto significativo é o nivel de detalle co que se identifican os distintos núcleos de poboación da parroquia, que naquela época presentaban unha disposición dispersa, característica do modelo territorial galego.


Neste outro comparador podemos apreciar o cambio no territorio da costa da praia de Anquieiro, lagoa de Vixán e arredores, observando a notable redución do espazo de area, na actualidade colonizado pola vexetación.
As imaxes xerais do territorio estrutúranse conforme a unha determinada escala, coordenadas UTM ED50, e correspóndense con cuadrículas do sistema de referencia ETRS89. Do mesmo xeito, existen series de maior resolución que, ó compararse con imaxes de voos actuais —máis alá da diferenza cromática—, evidencian cambios substanciais na configuración territorial. Apréciase unha notable redución das superficies cultivadas fronte a un progresivo abandono do espazo agrario, ocupado actualmente por vexetación espontánea e masas forestais destinadas sobre todo á explotación madereira, así como un incremento significativo da edificación residencial.
Uns documentos fotográficos estes, que nos levan ata sete décadas atrás, onde a diferencia con épocas anteriores non sería moi diferente, e nos pode chegar a dar unha idea de como estaba conformado o territorio de Carreira en séculos pasados. Unha ollada real ó pasado.
Fontes e agradecementos:
– Arquivo do Reino de Galicia – ARG, A Coruña.
– Instituto Geográfico Nacional – IGN, Madrid.
– Centro Cartográfico y Fotográfico del Ejército del Aire – CECAF, Getafe – Madrid. Con autorización.
– Imaxe portada: Beechcraft RC-45. Aerial Survey Team #6 – Photo Mapping Group – Army Map Service (USAF).
