Bens de valor cultural no noso litoral

No último inventario de Bens de Valor Cultural do Litoral elaborado pola Xunta de Galicia e publicado en marzo do 2026, figuran varios enclaves arqueolóxicos situados na parroquia de Carreira. Trátase de espazos que, malia seren pouco coñecidos para boa parte da veciñanza, constitúen unha parte importante do noso patrimonio histórico. A súa conservación permite preservar a memoria das comunidades que habitaron estas terras hai milleiros de anos.

O Catálogo de Bens de Valor Cultural no Litoral é un rexistro aprobado pola Xunta de Galicia en marzo do 2026. Este inventario recolle un total de 2.003 elementos patrimoniais e construcións de interese cultural situados nas áreas costeiras galegas, dende Ribadeo ata A Guarda, co obxectivo de garantir a súa protección e conservación. A pesares da súa importancia histórica, estes tres xacementos localizados na nosa parroquia continúan sendo uns grandes descoñecidos para boa parte da poboación. O paso do tempo e a escasa difusión do noso patrimonio fixeron que moitas persoas pasen ó seu carón sen saber que forman parte da historia máis antiga da bisbarra. Imos facer un curto percorrido por estes bens patrimoniais, coñecendo a súa orixe, a súa importancia histórica e algunhas das curiosidades que os rodean. Tres enclaves que forman parte do patrimonio arqueolóxico da parroquia e que merecen ser divulgados e preservados para as xeracións futuras. Ámbolos tres xacementos se atopan en terreos do parque natural, pois na actualidade, toda a costa de San Paio de Carreira forma parte deste espazo natural protexido.

Xacemento do Forno da Tella

Restos visibles do Forno da Tella nunha imaxe do ano 2004. Na actualidade, estes restos estan case que tapados por completo pola area, e o enclave está totalmente rodeado de pinos e batume, co cal resultan moi difíciles de identificar.

O xacemento popularmente coñecido como O Forno da Tella forma parte do conxunto de enclaves arqueolóxicos existentes no litoral de Carreira. Trátase dunha serie de varias estruturas de pedra que apenas sobresaen sobre a area, das cales unha principal de forma cadrada destaca sobre outras varias pequenas que a circundan. A súa inclusión no Catálogo de Bens de Valor Cultural do Litoral pon de manifesto o interese histórico deste espazo, no que se conservan vestixios da presenza humana dende épocas antigas. Aínda que na actualidade apenas son visibles algúns restos sobre o terreo, o lugar constitúe unha valiosa fonte de información para comprender a evolución do territorio e das comunidades que habitaron esta franxa costeira. A súa protección pretende garantir a conservación deste descoñecido xacemento e evitar que posibles actuacións humanas ou eventos naturais, poidan alterar un patrimonio que aínda pode achegar novos datos mediante futuras investigacións arqueolóxicas.

Na actualidade, o que queda destes restos, atópanse prácticamente soterrados na area que os circunda, cheos de vexetación, e dentro dun pequeno piñeiral a carón da lagoa de Casalnovo, o cal apenas existía dúas décadas atrás, porén estaban mellor identificados ca agora. Están preto do camiño de pés que vai polo Carregal ata a desembocadura do Río do Mar na pedra da Ferreira,

Malia o seu nome, non existe consenso sobre que os restos correspondan realmente a un forno de tella. Pola súa configuración e zona onde se sitúa, hai quen considera que tamén poderían pertencer a unha antiga torre de vixía, a un pequeno asentamento castrexo ou medieval, un posible muíño de vento decimonónico (segundo unha veciña de Artes), ou mesmo a outro tipo de construción cuxa función aínda se descoñece. Cómpre sinalar, ademais, que a ficha do inventario sitúa erróneamente este enclave na parroquia de San Xián de Artes, cando dende sempre, a tradición local, as escrituras de propiedade preto dél, e os apeos eclesiásticos rexistrais, os sitúan en terreos da parroquia de San Paio de Carreira. A xestión destes terreos corresponde, non obstante, á Consellería de Medio Ambiente, en virtude de recentes acordos entre o organismo autonómico e as comunidades de montes veciñais.

Mámoa de Pipín

No centro da imaxe podemos apreciar o montículo da mámoa de Pipín, nome este do lugar onde se atopa e case en desuso, a carón do acceso principal á praia do Vilar.

A Mámoa de Pipín é un dos monumentos funerarios prehistóricos máis destacados, máis visibles, e tamén máis descoñecidos da parroquia de Carreira. Forma parte dun conxunto máis amplo de mámoas repartidas polo territorio, con outros exemplares situados tamén no mesmo ámbito do Parque Natural, na aba do monte da Cidá, así como noutras localizacións espalladas pola parroquia, como o lugar da Mámoa, que precisamente toma o seu nome dun destes enterramentos ancestrais alí establecido. Todos eles constitúen unha clara mostra da presenza humana nesta zona dende hai varios milleiros de anos.

Este tipo de monumentos, construídos con terra e pedra durante o Neolítico, servían como lugares de enterramento e forman parte da rica paisaxe megalítica galega. A pesares das transformacións e saqueos sufridos co paso dos séculos, a mámoa de Pipín conserva un notable valor histórico e arqueolóxico, xa que permite coñecer mellor os costumes, as crenzas e a organización das primeiras comunidades agrícolas asentadas nesta contorna. A súa conservación resulta fundamental para preservar unha parte esencial da memoria máis antiga de Carreira, malia estar situada nunha zona de masificación humana sobre todo en períodos estivais, ó estar ó pé do acceso peonil principal que baixa cara á praia do Vilar.

Castro do Porto de Baixo

Interior da muralla do castro de Porto de Baixo nunha imaxe do ano 2005, logo das escavacións realizadas e onde se pode comprobar os tres niveis dos cales consta esta parte interior do muro, o cal ten unha lonxitude duns 90 metros.

O castro do Porto de Baixo constitúe un dos enclaves arqueolóxicos máis singulares da costa de Carreira. Situado nun emprazamento privilexiado, domina unha ampla franxa do litoral e aproveita as características naturais do terreo para ofrecer protección e un excelente control visual da contorna. Tradicionalmente, e despóis dunha intervención arqueolóxica realizada no ano 2004, foi identificado como un castro da Idade do Ferro, aínda que presenta unha configuración pouco habitual respecto doutros asentamentos castrexos coñecidos en Galicia e outras zonas con este tipo de construcións, salientando máis ca nada unha grande muralla duns 90 metros de lonxitude cunhas características constructivas moi peculiares.

O emprazamento desta construción sitúase a carón da pequena cala chamada O Porto de Baixo, na súa parte alta, e a carón do pequeno camiño de pés que segue pola praia do Porto das Dornas, a ata a laxe da lagoa no lugar de Anquieiro, sitio este onde a lagoa de Vixán se une co mar.

Precisamente a singularidade da muralla do castro, fai que algúns investigadores e afeccionados ó patrimonio consideren que podería tratarse doutro tipo de construción antiga, cuxa función orixinal aínda non está plenamente determinada. Sexa cal sexa a súa verdadeira natureza, o enclave conserva un grande interese histórico e patrimonial, polo que a súa protección resulta imprescindible para facilitar futuras investigacións que permitan coñecer mellor a súa orixe e o papel que desempeñou ó longo da historia.

Fontes:

– Miguel A. Vidal Lojo. Memoria das escavacións do castro de Porto de Baixo. Ano 2004.

– Ana Filgueiras. Memoria do Parque Natural. Ano 1992.

– Xunta de Galicia. Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático. 30/03/2026.

– DOGA nº 133 – Páx. 43131. 13/07/2026.

Comentarios pechados

Basado en WordPress traducido por egalego.com | Tema: Baskerville 2 por Anders Noren

Subir ↑