A Carreira da segunda metade do século XX era un pobo moi diferente ó actual. Con preto de 3000 habitantes, a súa vida diaria xiraba arredor de numerosos pequenos negocios que fornecían non só á propia poboación, senón tamén á veciñanza da contorna.
Había tendas de productos gandeiros, consultas médicas, escolas, droguería, estanco, tendas de calzado e de roupa, bares, perruquerías, cafetarías, ultramarinos, carpinterías, fábrica de gasosas, obradoiros de dornas, panadarías, carnicerías, ferraxaría, libraría, salóns de baile, xastre, oficiña de Correos, salón de xogos, cinema, e moitos outros establecementos comerciais e locais industriais que formaban parte do día a día da comunidade local.
Aqueles negocios non eran simples lugares de consumo ou servizo, eran espazos onde se falaba, se compartían novas e se construían relacións humanas. O comerciante-empresario coñecía a cada veciño e moitas veces a confianza tiña máis valor ca o diñeiro en si, a vida cotiá estaba máis conectada cas persoas que co acto de mercar.

Neste edificio construido no ano 1936 estaba o daquela famoso “Baile do Pantullo“, local de lecer moi concorrido polos xóvenes da parroquia e arredores a mediados do pasado século. O apartado da dereita era onde estivo a farmacia de D. Andrés Ruíz Pedrayes dende o 1954 ata abandonar Carreira no 1970 e marchar para Ribeira, deixando á parroquia preto de 43 anos sen este servizo, ata que volveu no ano 2013, pero xa noutro local e con outra xerencia.

Neste baixo comercial estivo operativa durante moitos anos a tenda de comestibles con carnicería de “Benito dos Cregos“, para posteriormente a comezos do século XX instalarse nél outro local comercial, o cal pechou ó pouco de establecerse. Tamén albergou a clínica médica do Doutor D. Isidoro Álvarez Argüelles, en cuxa consulta dispoñía dunha máquina de raios X, algo moi avanzado para a súa época. O edificio laranxa do lado era onde antigamente estivo ubicado o cinema Millares dende o ano 1953 ata o 1980 no cal foi derrubado.

Edificio onde nos anos 70 do pasado século estivo a tenda de Pescados Elena, empresa local que tamén exportaba peixe a mercados nacionais dende as lonxas de Aguiño, Ribeira e Portosín. Ó seu carón estaban o obradoiro de dornas do señor Feliciano Olveira, e polo outro lado a panadería-tenda de Luz.
Co paso do tempo chegou outro modelo, o moderno e actual; os grandes comercios, a rapidez, o consumo constante e a idea de que máis sempre é mellor foron substituíndo paseniño aquel xeito de vivir. O sistema actual ofrece máis produtos, máis rapidez e máis comodidade, e incluso mellores prezos, pero desafortunadamente tamén converteu moitas relacións humanas en algo secundario. A isto sumouse o acceso cada vez máis xeneralizado ós vehículos particulares, mentres o daquela abarrotado, eficaz e versátil – tamén se utilizaba para mercadorías – transporte público foi perdendo presenza e importancia. Moitas persoas comezaron a desprazarse para realizar as súas compras a localidades máis grandes como Ribeira ou Compostela, deixando de depender dos negocios da propia contorna. Paseniño, o comercio local foi perdendo actividade ata acabar desaparecendo por completo en curto espazo de tempo.
Paralelo a isto, neses anos Carreira pasou duns 4500 habitantes a pouco menos dos 2000 cos que conta na actualidade. A poboación foi a menos, e de todo aquilo hoxe non queda case que nada. Desapareceron negocios e establecementos que durante décadas deron servizo e vida ó pobo. A pregunta quizais xa non sexa canta xente vive aquí, senón canto daquela vida activa, vibrante e comunitaria segue existindo. Porque o progreso non debería medirse unicamente polo que consumimos, senón tamén pola nosa capacidade para seguir sendo veciños de portas abertas.
NEGOCIOS E ACTIVIDADES NA SEGUNDA METADE DO SÉCULO XX
Amosamos de seguido un plano do centro urbán de Carreira – lugares de Campos, Pedriñas, O Cruceiro, A Capela…- onde van indicados os negocios, actividades e servizos que houbo dende as décadas dos anos 60 e 70 ata finais e comezos do século XX.

Notas:
– Imaxe de portada. “A Muiñeira”, no lugar de Campos, enorme edificio onde houbo una carpintería nos anos 20 e 30, un muíño fariñeiro industrial nos anos 50 e posteriormente un local hosteleiro moi concorrido nas décadas finais do século XX e comezos do XXI. A pequena casa á súa esquerda é onde estivo a primeira fábrica de gasosas Santamaría. Posteriormente, nos anos 90 e 2000 estableceuse alí unha libraría, pouco despois unha floristería, e por último unha axencia de seguros, que acabou pechando fai poucos anos. Á dereita estiveron ubicados os edificios que albergaban a tenda de comestibles e panadería “da Faina“. No ano 2023 derrubouse o edificio.
