Nos séculos pasados, San Paio de Carreira era a parroquia máis poboada das que hoxe integran o Concello de Ribeira. Segundo recolle a visita pastoral realizada polo cardeal D. Jerónimo del Hoyo no ano 1607, a parroquia contaba con 100 fregueses, fronte ós 50 de Olveira ou os 90 do porto de Ribeira.
O Concilio de Trento, celebrado entre os anos 1545 e 1563, entre outras moitas novas reformas, estableceu a obrigatoriedade dos rexistros sacramentais no ámbito eclesiástico. A partires daquela, os párrocos comezaron a consignar en papel e de maneira sistemática os bautismos, matrimonios, defuncións e outros aspectos relacionados ca administración parroquial. En Carreira, estes rexistros deron comezo no ano 1624, incluíndo tamén os libros de contas das confrarías relixiosas. Grazas a esta documentación, conservada ó longo dos séculos no arquivo parroquial e na actualidade no AHDS de Compostela, é posible coñecer con precisión numerosos datos sobre a evolución demográfica da freguesía, así como sobre a xestión das rendas e taxas eclesiásticas.

Portada do libro fundacional da Confraría do Santísimo Sacramento. Ano 1609.
Historicamente, existían en Carreira diversas confrarías erixidas baixo distintas advocacións, entre as cales destacaban as consagradas ó culto de Santa Catarina, San Roque, Nosa Señora do Rosario e o Santísimo Sacramento. A principal testemuña da súa actividade son os libros de contas que se conservan. Neles rexistrábanse as achegas dos confrades, os gastos e demais aspectos económicos das entidades, información que era anotada polos respectivos curas párrocos e sometida á supervisión do Arcebispado de Santiago. Entre os exemplares mellor conservados destacan os seguintes:
• Libro da Confraría de Santa Catarina e contas do Sacramento (1609–1768).
É o libro de contas máis antigo da parroquia. Nel figuran as normas que rexían a confraría, así como as súas primeiras contas. Compre salientar que, a mediados do século XX, a imaxe orixinal de Santa Catarina foi trasladada á illa de Sálvora polo seu propietario, o Marqués de Revilla, para renderlle culto na reconvertida Capela de Santa Catarina, pequeno edificio de pedra antigamente utilizado como taberna polos colonos da illa.
• Santísimo Sacramento (1768–1789).
Recolle os erros das contas dos anos 1750, 1753 e 1754, así como os rexistros comprendidos entre 1768 e 1775. Tamén detalla a Santa Visita á parroquia realizada o 25 de xuño do ano 1791 polo daquela arcebispo compostelán Frei Sebastián de Malvar y Pinto.

Fei Rafael de Múzquiz y Aldunate (1801-1821) e máis Frei Rafael de Vélez (1824-1850), ámbolos dous Arcebispos de Santiago de Compostela, os cales fixeron senllas visitas pastorais á parroquia nos anos 1807 e máis no ano 1828 respectivamente.
• Santísimo Sacramento (1798–1830).
Ademais das contas anuais, inclúe os detalles das Santas Visitas do 12 de xaneiro de 1807, realizada polo arcebispo Rafael de Múzquiz, e do 4 de febreiro de 1828, realizada polo arcebispo Frei Rafael de Vélez.
• Libro da Confraría de San Roque (1679–1772).
Contén a acta de creación da confraría, fundada polo párroco D. Lorenzo Dono Taboada no ano 1679. Existen indicios de que arredor do ano 1505 xa había outra confraría semellante dedicada ó mesmo santo pero sen indicar o templo de culto, tal e como recollen diversas anotacións feitas polos curas párrocos nalgúns dos libros sacramentais do século XVII, pero ata o de agora non se atopou referencia escrita propia de dita confraría medieval.
• Constitución e fundación da Confraría de Nosa Señora do Rosario (1725).
Inclúe a acta fundacional, as contas dos primeiros anos e a regulamentación que debían seguir os confrades. Ata mediados do século XX, esta confraría estivo moi activa na parroquia, dedicando incluso durante as festas parroquiais do verán, un día á advocación desta santa.
• Libro de contas da Confraría de Nosa Señora do Rosario (1798–1830).
Neste volume, o cura párroco D. Joseph de Villarroel recolleu a Santa Visita do 4 de febreiro do 1828 por parte do daquela arcebispo D. Rafael de Vélez. Tamén incorpora rexistros documentais relevantes, como as sinaturas do párroco D. Manuel de Acuña y Malvar xunto á dos primeiros e únicos rexedores municipais do efémero Concello Constitucional de Carreira, D. Miguel Bretal e D. Manuel Prego en senllos asuntos eclesiásticos que tiñan que ver ca administración municipal local.
• Confraría de Nosa Señora da Guía (1897).
Esta confraría é a de máis recente creación na parroquia de Carreira, pois comezóuselle a render culto a esta Santa a partires dese ano, e dende aquela segue a celebrarse unha romaría popular na honra da mesma tódolos anos, e coincidindo co luns de pentecostés; romaría esta, a cal chegou a ser durante o século XX unha das máis concorridas e famosas de toda a bisbarra. Compre dicir que malia que a confraría foi fundada na época que se recolle en dito libro, non se ten conta dela nin da Santa en cuestión en ningún libro de séculos anteriores, pero si nunha anotación realizada no ano 1607 por Jerónimo del Hoyo na súa obra “Memorias del Arzobispado de Santiago”, e que dicía como segue: «SAN PAYO DE CARREIRA. Tiene esta felegresía cien feligreses. Los fructos todos al retor, que valdrán más de trecientos ducados. Dicen es presentación de Sant Martín. Hay una hermita de Nuestra Señora. La fábrica desta iglesia tiene de rentas onze ferrados de centeno y otros pocos de trigo. Hay una hermita de Nuestra Señora da Guiña». O que nos fai ter en conta que a advocación á Virxe da Guía posiblemente veña dende moi antigo, e que posiblemente durante varios séculos se lle deixou de render culto, ata que a reforma da capela e a súa contorna, así como a reactivación da Confraría fixo que se continuara con esta tradición.
Grazas a estes libros, e máis alá da información contable que conteñen, hoxe podemos coñecer numerosos datos de interese para a parroquia. A súa conservación permite reconstruír aspectos fundamentais da nosa historia, transmitidos polos representantes da Igrexa que desenvolveron a súa labor neste lugar.

Selo parroquial de San Paio de Carreira, amosando o sabre e máis a palma do martirio do Santo Patrón de Carreira.
Fontes:
– Arquivo Histórico Diocesano de Santiago de Compostela (AHDS). Libros sacramentais de San Paio de Carreira.
– AHDS. Santiago de Compostela. Gravado de San Roque da Granxa, no libro fundacional desta confraría. Ano 1679.
– AHDS. Santiago de Compostela. Portada do libro fundacional da Confraría do Santísimo Sacramento. Ano 1609.
– Cardeal D. Jerónimo del Hoyo. Memorias del Arzobispado de Santiago. Ano 1607.
