Domingo Fontán Rodríguez foi un matemático, xeógrafo e astrónomo galego, nado en Portas no ano 1788, e cuxa obra está considerada un dos grandes fitos pioneiros da cartografía española do século XIX. Dedicou case vinte anos da súa vida á elaboración da Carta Geométrica de Galicia, un ambicioso proxecto destinado a representar con precisión a xeografía da súa terra.
Para iso percorreu todo o territorio galego, realizando medicións e observacións sobre o terreo mediante instrumentos de precisión da época, utilizando métodos matemáticos e astronómicos.
Comezado no ano 1817, aquel traballo permitiu representar cun rigor ata entón descoñecido a distribución das vilas, parroquias, estradas, camiños, ríos, montes e os principais accidentes xeográficos de Galicia. En decembro do 1834 presentou a súa obra á raíña rexente Dona María Cristina de Borbón, aínda que a súa publicación definitiva tería que agardar ata o 1845, ano en que foi impresa en París dividida en doce grandes follas. A Carta Geométrica constitúe hoxe un documento de extraordinario valor científico e histórico, ademais de ofrecer unha imaxe excepcional do territorio galego daquela época.

Recorte da parte da Carta Geométrica de Galicia onde se aprecia a parte sur da península da Barbanza e entrada da ría de Arousa. Pode apreciarse a estrada de Pobra a Corrubedo en liña discontinuada, a cal estaba en proceso de construcción.
Entre os documentos conservados na Fundación Domingo Fontán atopamos un traballo de campo, unha anotación á man, na que é posible recoñecer boa parte do territorio da parroquia de Carreira e a súa contorna. Trátase dun bosquexo no que, tomando como referencia base o monte Tahúme —onde Fontán estableceu unha das súas estacións de medición e triangulación—, representase o perfil do extremo occidental da península da Barbanza e numerosos accidentes xeográficos do seu litoral, cunha orientación cara ó sur.

Bosquexo orixinal de Domingo Fontán amosando o relieve costeiro de Carreira. Ano 1827.
No debuxo aparecen identificados distintos lugares e referencias do territorio, como o Monte Castro o de La Ciudad, Area da Lagoa —na contorna da actual praia do Vilar—, os Almacenes del Castro, en Castiñeiras, Punta da Tasca, Punta de Couso e Falcoeiro. Tamén se distingue a lagoa de Vixán, un dos elementos máis representativos desta paisaxe costeira.
Pero entre as anotacións do bosquexo destaca especialmente unha referencia: «Cap. de Aguiño». A súa localización podería corresponder á actual capela de Nosa Señora da Guía, un detalle que introduce unha interesante cuestión histórica e toponímica. Ao longo do tempo, esta construción relixiosa aparece mencionada con distintas denominacións, entre elas Capilla de Aguiño ou Capilla da Guiña. Estas referencias suscitan interrogantes sobre a evolución do seu nome e a súa posible relación ca orixe do propio topónimo Aguiño, máis se cabe aínda, tendo en conta que a actual advocación á Virxe da Guía comezou no ano 1897.
Non podemos considerar esta anotación unha proba definitiva, pero si un testemuño cartográfico de notable interese que engade unha nova referencia a unha cuestión aínda aberta.

Teodolito de Gambey, un dos aparatos de medición usados por Domingo Fontán.
Domingo Fontán foi, sen dúbida, unha das grandes figuras da ciencia galega e un dos seus máis destacados persoeiros do século XIX. A súa extraordinaria contribución ó coñecemento e á representación do noso territorio merece un recoñecemento á altura da súa obra, que, malia o seu enorme valor científico e histórico, continúa a ser unha figura pouco coñecida e, en boa medida, esquecida na memoria colectiva. Domingo Fontán faleceu o 24 de outubro do ano 1866 en Cuntis, tal dia coma hoxe de fai 160 anos. Recuperar e divulgar o seu legado é tamén unha maneira de facer xustiza ca nosa propia historia.
Fontes:
– Fundación Domingo Fontán. Madrid.
– Imaxe portada: USC. Domingo Fontán, por Antonio María Esquivel. Ano 1852.
