Hai fenómenos celestes que, aínda sendo extraordinarios, pasan case desapercibidos, e outros que quedan para sempre na memoria colectiva. No Concello de Ribeira atopamos un exemplo singular desta diferenza. O día 3 de outubro do ano 2005, a Lúa situouse entre a Terra e o Sol producindo un eclipse anular, algo que non sucedía dende o 1 de abril do ano 1764 nesta parte do planeta.
A sombra da Lúa percorreu aquela mañá o ceo galego, deixando durante uns instantes o característico anel de luz solar arredor do noso satélite. Porén, aquel eclipse apenas tivo repercusión. Era un día soleado, e o fenómeno que tivo o seu punto álxido ás 10:52 h, non contou ca expectación nin ca difusión que hoxe acompaña a un acontecemento astronómico desta magnitude. Moita xente, simplemente, non se decatou do que estaba sucedendo sobre as súas cabezas. Apenas unha leve escuridade, como se unhas nubes negras se interpuxeran diante do Sol, acompañada dunha lixeira baixada da temperatura, mentres a vida cotiá continuaba coma se nada.

Secuencia do eclipse anular do 3 de outubro do ano 2005 tomada dende o monte da Cidá, cunha cámara con filtro especial.

Mapa da época ca indicación do paso do eclipse do 3 de outubro do 2005, onde se indica con claridade a liña central do mesmo (cor azul), e que coincide xusto atravesando as parroquias de Carreira e Aguiño..
E con todo, os eclipses acompañan á humanidade dende tempos remotos. Nas antigas civilizacións de Mesopotamia, China ou Grecia, a desaparición repentina do Sol ou o escurecemento da Lúa contemplábase con temor e interpretábase moitas veces coma un presaxio. Co paso dos séculos, a observación sistemática do ceo permitiu comprender que aqueles fenómenos non eran sinais sobrenaturais, senón consecuencia dos precisos movementos da Terra, da Lúa e do Sol. Os eclipses contribuíron tamén ó avance da ciencia. Permitiron coñecer mellor o movemento dos astros e xa na época moderna, observar a atmosfera solar e realizar descubrimentos que contribuíron a transformar a nosa visión do Universo. O que durante séculos provocara medo e superstición converteuse así nunha extraordinaria oportunidade para a investigación.
Agora, vinte e un anos despois, a nosa parroquia volveu a ter unha cita ca historia dos eclipses. Hoxe 12 de agosto do 2026, un eclipse total de Sol – próximo á totalidade nesta parte do país – percorreu parte da Península Ibérica de oeste a leste e puido contemplarse en todo o seu esplendor na súa zona de liña central. Aconteceu ó final da tarde, co Sol bastante baixo, preto do horizonte, nun día claro e soleado, e a percepción inicial de escuridade deixou paso a unha sinxela e bonita penumbra na súa fase de máxima ocultación.

A escuridade do eclipse de hoxe non foi total nesta parte de Galicia, pois só se acadou o 99% de ocultación, quedando todo nunha curta, bonita e misteriosa penumbra.
Esta vez foi diferente. O eclipse levaba semanas anunciándose, milleiros de persoas preparaban a súa observación e o fenómeno espertaba unha expectación moi superior á que tivo o do ano 2005. Se aquel eclipse anular quedou case esquecido, o deste 12 de agosto podería converterse nun deses momentos que pasan de xeración en xeración.
Dous eclipses separados por vinte e un anos. Un, case ignorado nunha mañá soleada; o outro, agardado e admirado con expectación, e os dous lembrándonos a mesma verdade: por moito que aprendamos sobre o Universo, poucas cousas conseguen facernos levantar a mirada ó ceo como a Lúa pasando por diante do Sol. Haberá que agardar 64 anos, ata o 23 de setembro do 2090, para que o ceo volva a oscurecerse de día nesta parte do planeta por mor da posición dos astros.
Fontes:
– Portada. Ilustración sobre o eclipse de Lisboa do 25/09/1726. Archivo General de Simancas. MPD,67,130.
