Un alcalde de Vigo con raíces en Carreira

Cando se fala de D. Joaquín García Picher, aparece a figura dun dos alcaldes máis destacados de Vigo na segunda metade do século XX; á fronte da cidade entre o 1974 e o 1978, anos conflitivos e decisivos da historia recente de España. Porén, hai unha faceta da súa vida que moi pouca xente coñece: a súa forte vinculación ca parroquia de Carreira, orixe das súas raíces familiares e ca que mantivo ó longo de toda a súa vida unha estreita e afectuosa relación.

Joaquín García Picher naceu en Vigo o 29 de agosto do 1932, pero as súas raíces familiares estaban profundamente ligadas á parroquia de San Paio. O seu pai, D. José García Sampedro, foi mestre nacional en Ribeira, e profesor da Escuela Nacional de Artes y Oficios de Vigo, e era veciño e natural do lugar do Outeiro. A súa nai, María Picher Fernández, de Ribeira, tamén era mestra nacional. O nome de D. José García Sampedro estivo sempre moi unido a este pobo, e nos seus últimos anos moi especialmente ó Carreira Club de Fútbol, entidade ca que colaborou con grande entrega como xa comentamos noutro capítulo desta web. Esta vinculación familiar sería tamén a que mantería a Joaquín unido a esta terra, á que acudía con frecuencia e onde conservou relacións persoais que nada tiñan que ver cos ambientes políticos e sociais nos que se desenvolvía habitualmente.

Recorte de prensa dando conta da elección do novo alcalde. Anuario de Vigo: Número 35 – Ano 1975.

Perito industrial, profesor mercantil e economista, García Picher chegou á alcaldía de Vigo no ano 1974, sucedendo a Antonio Ramilo. O Anuario de Vigo do ano 1975 destacaba a súa xuventude, dinamismo e profundo coñecemento dos problemas da cidade. Correspondeulle dirixir Vigo durante os últimos anos do Franquismo e os primeiros da Transición, unha etapa de grandes cambios na que desenvolveu unha intensa actividade e unha clara visión de futuro.

Un dos seus grandes retos foi garantir o abastecemento de auga á súa cidade, ante o rápido crecemento da mesma e da súa industria. O encoro de Eiras, infraestrutura fundamental para o abastecemento de Vigo e dos seus arredores, cuxas obras comezaran no 1973, converteuse nunha prioridade durante o seu mandato e foi inaugurado no 1977, ca presenza do ministro Leopoldo Calvo-Sotelo e do propio García Picher, quen presentou o proxecto de abastecemento da cidade. Cómpre sinalar que García Picher non foi quen iniciou as obras —o proxecto comezara antes da súa chegada á alcaldía—, pero si foi o alcalde que tivo que impulsar e levar adiante a súa execución e posta en servizo, converténdoo nun dos grandes logros da súa etapa municipal, nun tempo de penuria económica, cando as arcas municipais estaban prácticamente baleiras..

Outro dos seus grandes obxectivos foi conseguir que Vigo tivese unha universidade propia. Durante aqueles anos impulsáronse as primeiras iniciativas que levarían posteriormente á creación da Universidade de Vigo, comezando polo desenvolvemento da Escola de Enxeñaría Industrial e do Colexio Universitario. Tamén tivo unha participación destacada na promoción do Conservatorio Superior de Música.

A súa actividade municipal abrangueu ademais cuestións tan diversas como a planificación do tráfico, as infraestruturas urbanas, a cultura e o deporte. Os propios documentos da época mostran a García Picher mantendo reunións con representantes de institucións culturais, empresarios e diferentes sectores da sociedade viguesa. Entre varias actuacións nas cales foi partícipe podemos salientar a ampliación da pista do aeroporto de Peinador, recuperación da praia de Samil para a cidade de Vigo, construción de varias escolas e polideportivos, declaración das illas Cíes como paraxe natural, cooficialidade do idioma galego nos plenos, etc, etc…

O alcalde de Vigo, D. Joaquín García Picher, no seu despacho xunto á concelleira Emma Rosa González Bermello, quen anos máis tarde se convertería na primeira e, ata o de agora, única muller en ocupar a alcaldía da cidade olívica.

Pero quizais un dos proxectos que mellor reflicte a súa visión de futuro foi o seu empeño en conseguir que Vigo fose unha das sedes do Campionato Mundial de Fútbol do 1982. García Picher realizou numerosas xestións para logralo e traballou para que a cidade reunise as condicións necesarias, entre elas a mellora do estadio municipal de Balaídos. Finalmente, Vigo foi incluída entre as sedes daquel Mundial, e o estadio acolleu os encontros da selección italiana, a cal acabaría proclamándose campiona daquela edición.

Tamén foron anos de importantes cambios políticos. García Picher era alcalde cando morreu Francisco Franco e apenas unhas semanas despois, o Concello de Vigo aprobou unha petición de amnistía xeral, unha decisión especialmente significativa e arriscada naquel momento, quedando así o seu mandato ligado ós primeiros pasos da transformación política que conduciría á democracia.

No ano 1976 inaugurouse o novo e actual edificio do Concello de Vigo ca presenza dos Reis de España, nun acto multitudinario celebrado na Praza do Rei. García Picher aparece así á fronte dunha cidade que estaba a cambiar rapidamente e que comezaba a mirar cara a un futuro moi diferente.

Inauguración da nova praza e casa consistorial de Vigo polos Reis de España o día 26 de xullo do ano 1976, sendo alcalde e anfitrión García Picher, cunha praza ateigada de veciños na que foi unha xornada histórica para a cidade.

A súa etapa como alcalde rematou no ano 1978 cando presentou a súa dimisión no medio dunha situación municipal complicada e de fortes críticas e protestas veciñais. Apenas sete anos despois, en setembro de 1985, falecía en Vigo ós 53 anos.

No ano 1996 inaugurouse un busto de bronce na súa memoria, obra do escultor Carlos Tejeda, na praza que leva o seu nome, entre as rúas Coruña e Jacinto Benavente, fronte a entrada dos históricos estaleiros Hijos de J. Barreras. O monumento lembra hoxe a quen foi alcalde durante unha etapa especialmente importante para a cidade.

Pero para nós, en Carreira, Joaquín García Picher pode ser lembrado tamén doutra maneira. Detrás do alcalde que aparece nas fotografías xunto a autoridades, empresarios ou representantes das institucións da época, estaba o fillo de D. José García Sampedro e un home que nunca perdeu os vínculos ca terra das súas raíces. Mentres en Vigo traballaba para afrontar os retos da súa xestión municipal, seguía mantendo a súa relación con San Paio e cas súas xentes.Cando regresaba á parroquia, deixaba a un lado o cargo e a relevancia pública que tiña na cidade olívica. Percorría as rúas e os lugares da parroquia con naturalidade, sen facer alarde da súa condición de alcalde nin buscar un trato especial por ese motivo. Era, ante todo, un veciño máis: unha persoa sinxela, próxima e sen altivez, que conservaba o vínculo cas súas xentes e ca terra á que sempre estivo unido.

É precisamente esa faceta menos coñecida da súa vida, a dun alcalde da maior cidade de Galicia que seguía sentíndose profundamente vinculado a Carreira, a que merece ser recuperada, porque detrás do personaxe público que hoxe lembran unha praza e un busto en Vigo, existiu tamén unha historia familiar e persoal que forma parte da memoria desta parroquia.

Fontes:

– Joaquin Rolland Andrade. Joaquin García Picher y su tiempo. 1995.

– Anuario de Vigo, nº 35 e nº 36. Ano 1975.

– Manuel García “Magar”. Inauguración do Concello. Atlántico Diario. 09/08/2020.

Comentarios pechados

Basado en WordPress traducido por egalego.com | Tema: Baskerville 2 por Anders Noren

Subir ↑