… que a mediados dos anos oitenta do pasado século ficharon polo Carreira CF, o único equipo de fútbol da parroquia, e comezaron a facer maxia co balón. Aínda que o fútbol é un deporte de once contra once, o xogo daqueles dous rapaces bastaba, por veces, para decantar os partidos: regates imposibles, pases medidos con técnica e mestría e potentes disparos a portería. Así nacía un mito.
José Ramón e Francisco Javier González Pérez medraron ós pés do vello campo de fútbol de Frións. Xunto a eles, outros moitos rapaces do mesmo lugar que, cando se enfrontaban a equipos locais de afeccionados, acostumaban a saír vencedores. Quizais era a vantaxe de ter ese terreo de xogo tan preto da casa, ou quizais un talento natural que facía daquela xeración unha fornada excepcional para o fútbol.
O seu talento non pasou desapercibido. No ano 1986 foron fichados polo Deportivo da Coruña, o mellor e máis laureado club de fútbol galego de tódolos tempos. Iniciaron a súa traxectoria nas categorías inferiores; nos xuvenís e no Fabril, ata que pouco despois por méritos propios, deron o salto ó primeiro equipo.

Fran e José Ramón no seu debut co Deportivo de La Coruña no ano 1988.
No Deportivo convertéronse en protagonistas do histórico ascenso a Primeira División do ano 1991, logo de case que dúas décadas en categorías inferiores. Aquel fito marcou o punto de partida da mellor etapa da historia branquiazul, con dous títulos da Copa do Rei (1994-1995 e 2001-2002), unha Liga (1999-2000) e as cinco Supercopas de España correspondentes a estes títulos. Na primeira das finais de Copa, por primeira vez na historia do fútbol español, un rapaz de Frións levantaba o trofeo de campión.
Os éxitos do Dépor tiveron a Fran e José Ramón como pezas fundamentais, dous xogadores moi queridos pola bancada e recoñecidos pola crítica deportiva, sen esquecer o papel decisivo doutros compañeiros daquel plantel lendario, o cal chegou a ser recoñecido en todo o mundo co alcume de Súper Dépor.

Entrada dun partido internacional do Súper Dépor. Prezo: 2000 ptas (12,02 Euros). Ano 1993.
Dende o seu posto no medio do campo, Fran acadou unha proxección aínda maior ca do seu irmán. Chegou a disputar 16 partidos ca selección española absoluta, nos que marcou 3 goles. Porén, a súa etapa coincidiu cun período pouco brillante do combinado nacional (malia os anti estéticos deseños de uniformes da historia do combinado… :-\ ), cunha selección máis inclinada a dar protagonismo a xogadores de Madrid, o Páis Vasco ou Cataluña.

Fran durante un partido da selección española de fútbol no ano 1993.
Co Deportivo viviron tamén o momento máis amargo da historia do club: a Liga perdida no ano 1993 en Riazor no último minuto, cando Miroslav Djukic errou o penalti decisivo ante o Valencia. Aquel lanzamento, considerado un dos máis famosos da historia do fútbol mundial logo do de Panenka, privou ó Dépor dun título que acabou nas vitrinas do FC Barcelona. Curiosamente, Djukic ficharía ó ano seguinte polo mesmo Valencia, o rival contra o que errara o tiro. Silentium melius est quam suspicio.
Xa sen José Ramón, pero con Fran no campo, o Deportivo asinou outro capítulo inesquecible pero desta vez moito máis doce: o “Centenariazo”. Na final da Copa do Rei do ano 2002, o equipo coruñés derrotou ó todo poderoso Real Madrid no templo futbolístico por excelencia do fútbol español, o estadio Santiago Bernabéu, o día no cal a afección merengue celebraba o centenario do laureado equipo branco. Unha vez máis, un rapaz de Frións levantaba o trofeo, deixando para a historia unha das xestas máis lembradas do fútbol español.

Fran xunto co presidente Lendoiro, co trofeo de campión de Copa, na famosa noite do “Centenariazo”. 06/03/2002.
No ano 2005, logo de toda unha vida no Deportivo, Fran retirouse entre aclamacións de milleiros de seareiros que encheron Riazor para homenaxealo. José Ramón, pola súa banda, deixara o club dez anos antes, no ano 1995, para enrolarse na SD Compostela e, máis tarde, no CD Ourense. Tras esa etapa, dedicouse a adestrar diversos equipos das categorías inferiores da Coruña. Nese mesmo ano, Fran participou cun renovado combinado galego que volvía competir logo de varias décadas, nun amigable fronte á selección absoluta do Uruguai. Anos máis tarde asumiría o cargo de seleccionador deste combinado, acompañado por Michel Salgado, outro dos grandes referentes galegos do fútbol nacional.

Selección galega de fútbol que xogou fronte a Uruguai o 25 de decembro do ano 2005.
En febreiro do ano 2013, o pleno do Concello de Ribeira aprobou por unanimidade dar nome á pista polideportiva do CEIP de Frións en honra ós irmáns González Pérez. Ó acto asistiron figuras como José Antonio Ventoso Mariño, histórico adestrador do Carreira CF e representante de Fran, e o mítico técnico do Deportivo, Arsenio Iglesias, o inesquecible “Bruxo de Arteixo”, considerado un dos mellores adestradores españois de todos os tempos, o cal levou á gloria ó Deportivo da Coruña.

Inauguración da pista polideportiva de Frións, cos protagonistas en primeiro termo. 08/02/2013.
Hoxe queremos lembrar a quenes, sen dúbida, foron os veciños de San Paio de Carreira que máis lonxe levaron o nome da súa parroquia polo mundo. Fran é ademais pai de Nico González (nado no ano 2002), actual futbolista do Manchester City F.C., un dos clubs máis prestixiosos do fútbol europeo.
Extracto dun vídeo do ano 1996 da Televisión de Galicia.
Fontes:
– Web RC Deportivo La Coruña – www.rcdeportivo.es
– Web Real Federación Española de Fútbol – www.rfef.es
– Diario de Arousa. 08/02/2013.
