Noite de rock na Fieiteira

A noite do 24 de agosto do 1986 quedou gravado na memoria colectiva de Carreira e da comarca. No campo de fútbol municipal da Fieiteira, no lugar da Mámoa, tivo lugar un concerto que foi un fito para a mocidade da época, convertendo o lugar no escenario principal da música máis vibrante do momento.

Baixo un ceo despexado e o frescor das noites de finais do verán, xuntáronse dous dos grandes referentes da movida viguesa: Os Resentidos e Siniestro Total, ambos na cima do seu éxito.

Alberto Torrado, Antón Reixa, e Rubén Losada, Os Resentidos, nunha actuación en directo para a TVG na praia de Riazor, na Coruña. Ano 1987.

Os Resentidos chegaban en pleno auxe. O álbum “Fai un sol de carallo” e a canción homónima, era xa un fenómeno que triunfaba en toda España, un tema irreverente, pegadizo e orgullosamente galego que traspasaba fronteiras, a primeira canción en galego que chegaba a ser Nº 1 en todo o país. O seu directo, festivo, agreste e provocador, conectou dende o primeiro momento cun público moi entregado que medio encheu o campo da Fieiteira e converteu a actuación nunha celebración colectiva difícil de superar.

Miguel Costas, guitarra solista de Siniestro Total, nunha actuación na TVG. 31/12/1986.

Siniestro Total, pola súa banda, viñan de editar o disco “Bailaré sobre tu tumba“, un álbum xa mítico, cargado de guitarras afiadas, actitude punk e letras corrosivas, as cales acompañaron a outros grandes éxitos de discos e anos anteriores. A súa actuación foi potente e deslenguada, fiel ó espírito irreverente que os chegou a converter nunha das bandas máis influíntes do rock nacional dos ultimos 40 anos.

Aquel concerto nocturno converteu a Carreira no epicentro musical da zona. Durante unhas horas, o campo da Fieiteira foi moito máis ca un estadio municipal: foi o punto de encontro dunha xeración, o lugar onde se respiraba xuventude, liberdade de expresión, e unha escea cultural que estaba a marcar época. Tralo apagamento de focos e os bises de rigor, a melodía trasladouse a Ribeira. O mítico Callejón converteuse no epicentro dunha noite de bares ateigados e rúas vibrantes; porén, a condición de domingo rematou por ditar a tregua, obrigando ó público a unha retirada temperá para o descanso.

Recorte de La Voz de Galicia dando conta do concerto. 17/07/1986.

Aquela noite do verán do ‘86 foi moito máis ca unha actuación memorable. Foi un momento histórico para toda Ribeira, e unha desas veladas que explican por que Siniestro Total e Os Resentidos forman parte esencial da memoria musical de toda unha época e todo un país.

Fontes:

– La Voz de Galicia. 17/07/1986 e 20/08/1986.

– Imaxe de portada: Miguel Costas, Alberto Torrado e Julián Hernández: Siniestro Total, na TVG. Programa de Fin de Ano. 31/12/1986.

-Agradecementos:

– Manu Guinarte (Vilagarcía), pola súa grande axuda e información aportada.

– Antón Reixa (Vigo), pola súa atención, axuda e traxectoria profesional.

– Emilio Alonso Pimentel (Vigo – In Memoriam), pola súa amizade, e pola súa aportación á cultura musical en Galicia.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Basado en WordPress traducido por egalego.com | Tema: Baskerville 2 por Anders Noren

Subir ↑