A comarca da Barbanza



Situada entre as rías de Muros-Noia pola súa parte Noroeste e a de Arousa pola parte Surleste, a península do Barbanza é un territorio dunha beleza moi singular na que están presentes a maior parte dos hábitats e paisaxes de Galicia.

Paisaxe da Barbanza Forman parte desta península os concellos de Noia, Lousame, Porto do Son, Rianxo, Boiro, A Pobra do Caramiñal e Ribeira, sendo estes catro últimos os que constitúen a mancomunidade de municipios de Arousa Norte tamén denominada oficialmente comarca do Barbanza. Conta a península cunha poboación estable de preto de 85.000 habitantes adicados na súa maior parte a actividades mariñeiras, e en menor cantidade ás labores da terra e á industria, principalmente conserveira ou de derivados do mar.

Toda a península está atravesada de xeito lonxitudinal por unha cadea de montañas baixas desde onde parten varios regatos que desembocan de xeito vertixinoso nas dúas rías. Esta é a chamada serra do Barbanza, lugar de masas arbóreas e grandes pastos onde o gando convive con outras especies de animais salvaxes. Abrangue dende os vales da Mahía ata o océano Atlántico, sendo os montes de Iroite (685 m), Alto do Barazal (640 m), Barbanza (667 m) e Os Forcados (618 m) os de maior altitude desta pequena serra. Conta asemade no seu extremo sur co pico da Curota (514 m), que inda que no é tan alto como os demáis, posúe un mirador desde onde se pode apreciar unha das vistas máis fermosas de toda Galicia, a cal abrangue dende as illas Cíes e cabo Silleiro polo Sur ata o cabo de Fisterra polo Norte, contando tamén ca fermosura da ría de Arousa en primeiro plano.

Anta da Arca da Barbanza A península do Barbanza é unha zona moi rica en xacementos arqueolóxicos, así podemos atopar nela conxuntos megalíticos como a Arca da Barbanza, a Casota do Páramo, as mámoas de Sabucedo e Alto das Brañas, infinidade de petroglifos, varios restos de castros, ou tamén restos de calzadas romanas como a de Vitres ou a de Moimenta polo que corresponde á parte do interior, e xa pola costa podemos achar varios restos de castros prerromanos como son os de Baroña, Neixón, Punta Ostreira, Porto de Baixo ou A Cidá. Facendo uso dunha boa guía arqueolóxica, os amantes desta ciencia poden percorrer a zona e visitar os citados xacementos, sempre eso sí, respectando ós mesmos.

Ó ser esta unha zona predominantemente mariñeira, son os portos de mar os mellores lugares para poder sentir o ambiente das rías galegas. Compre destacar os portos das vilas de Portosín, Porto do Son, Corrubedo, Aguiño, Ribeira, Palmeira, A Pobra, Cabo de Cruz ou Rianxo. Todos eles contan cunha chea de embarcacións de pesca tradicionais amáis doutras de tipo industrial como no caso da Pobra ou Ribeira (primeiro porto de baixura do Estado Español por volume de capturas), onde tamén amarran buques de gran tonelaxe que faenan en caladoiros internacionais.

Nos últimos anos, a comarca do Barbanza está a ser un referente turístico en Galicia máis ca nada na tempada de verán. O incremento da construcción de edificios como segunda vivenda, fai que moita xente do interior de todo o Estado se acerque a esta zona na época de estío para desfrutar dos nosos paisaxes, praias, clima, e sobre de todo das festas e da gastronomía, pois son moitas as poboacións nas que no verán se celebran concorridos festexos no que a celebracións relixiosas e de lecer se refire, como poden ser a Festa da Dorna (Ribeira), Festa do Polbo (Porto do Son), Feira Medieval (Noia), Procesión das Mortaxas (A Pobra), Exaltación do Mexilón (Cabo de Cruz), ou a Festa do Percebe (Aguiño), ademáis dunha infinidade de animados festexos menores en tódolos currunchos da bisbarra.


Paisaxe da Barbanza