Don Mathías Pérez Rincón (do 1777 ó 1785)



O Rei Carlos III A finais do século XVIII, chegou para dirixir a parroquia de Carreira un cura granadino, avogado da Real Chacillería, e que se chamaba D. Mathías Pérez Rincón. Aparte da súa faceta como crego, o señor Mathías era un experto coñecedor do cultivo do cánabo e da cría e colleita da seda, actividades moi importantes na época e que tiñan unha forte implantación sobre todo no lugar de onde él viña.

Vendo a boa calidade das terras desta zona e a escaseza de colleitas, ocorréuselle que se podían fomentar estas actividades na parroquia, e decidiu por en práctica estes dous proxectos; o cultivo do cánabo, maiormente para facer cordas, e a cría e colleita dos vermes da seda.

Os coñecementos e o bo facer deste cura quedaron recoñecidos no memorando que escribiu para a Sociedad Económica de Amigos del País, a quen lla entregou o 23 de maio do 1785 en Santiago de Compostela, co obxecto de darlles a coñecer os resultados do seu proxecto de cultivo do cánabo. No mesmo escrito daba conta tamén da boa aptitude das terras de Galicia – e Carreira en concreto - para realizar estes cultivos experimentais, que traerían a riqueza ós habitantes das mesmas como se recolle nél: «Nuevas artes y oficios ocuparán a crecido número de personas que perecen por no tener en qué trabajar; he aquí remedio a la pobreza, aumento de industria nacional e impedimento de la emigración de nuestros paisanos a otros países en que van a buscar ocupación que no hallan en el suyo...».

Este escrito chegou posteriormente a mans do daquela Rei de España Carlos III, quen o veu con moi bós ollos e aceptouno tan ben que máis tarde chegou a darlle premios ós labregos que traballaran nestas actividades e que venderan á Marina Real unha cantidade determinada de cánabo limpo e preparado para a fabricación de cordas, segundo consta nunha Real Orde do 15 de xuño do 1786.

Asemade, mediante outro decreto do mesmo Rei, datado o 7 de novembro do 1787 establecíase entre outras disposicións o seguinte: «...sin escasear los auxilios que fuesen menester ni alterar los premios prometidos, destinaría por cuenta de su Real Hacienda uno o dos hombres de la Vega de Granada, hábiles en esta labor y con la simiente necesaria para que bajo la dirección de la Sociedad Económica de Santiago, entablasen la cosecha en los terrenos que se considerasen a propósito...», logo duns experimentos satisfactorios sobre estes cultivos feitos en terras compostelanas no ano 1788, nos que se chegou a demostrar que este era un cultivo axeitado para este país.

Esto era o que tentaba procurar este humilde cura de San Paio de Carreira; que os seus fregueses non pasaran fame, e de paso que estiveran ocupados nas súas tarefas cotiás traballando a terra e colleitando os seus froitos, ou sexa, vivindo do seu traballo dignamente, sobre todo nunha zona tan probe como era esta bisbarra. Realmente foi unha pena, xa que unha vez nos deixou, deixáronse de lado estas ideas tan na vangarda da economía e da sociedade daquel tempo que só tiveron unha curta pero revolucionaria continuación no cura que lle seguiu.


Real Sociedad Económica de Amigos Del País