Don Manuel de Acuña y Malvar (do 1789 ó 1792)



Placa conmemorativa no Pazo da Parda Natural da parroquia de San Martiño de Salcedo (Pontevedra), naceu o 16 de abril do ano 1757 no seo dunha familia de poder. Era fillo de D. Ignacio de Acuña e de Da. María Malvar y Pinto. Tamén era sobriño do carismático Arcebispo de Compostela, D. Sebastián de Malvar y Pinto. Cursou os seus estudios nas universidades de Salamanca e Oviedo e foi nomeado párroco de Carreira no ano 1789.

Ademais de cóengo e arcediano do Salnés, foi nomeado tamén Caballero de la Real y Distinguida Orden de Carlos III, e Sumiller de Cortina de Su Majestad.

Ca finalidade de seguir o traballo do anterior sacerdote, que fora D. Mathías Pérez Rincón, seguiu fomentando a agricultura na parroquia, e para elo solicitou mediante unha Real Cédula, terreos baldíos incultos co obxecto de repartilos entre os fregueses que quixeran botar man deles polas terras de Couso, Pepín, Aguiño, Cochón, Perico, Paredes e sobre todo a illa de Sálvora, motivo polo cal chegou a ter un preito co seu dono, D. Vicente Caamaño y Gayoso, Señor de Goyanes, ó cal lle quería retirar a propiedade en favor dos veciños de Carreira para o aproveitamento agrícola desas terras, e que finalmente logo de varios anos de disputas, chegarían a un acordo polo cal se lle pagarían en concepto de pensión, 80 Reais ó ano á Casa de Goyanes.

Experimentáronse diferentes cultivos na parroquia ademais dos xa citados do cánabo e da seda, como eran os do tabaco e do viño, en cantidades tan grandes para a época que se chegaron a exportar a outras zonas do país. O párroco D. Manuel Acuña tamén se quedou para el un grande terreo no lugar da Conlleira, hoxe en día en terreos da parroquia de Artes, onde tamén se traballaron diversos cultivos. Nese lugar edificaría o pazo que chamaría La Soledad, e ó seu carón a pequena capela familiar. Tamén se debe a este persoeiro a construcción do antigo camiño que ía dende a igrexa parroquial de Sampaio ata o fondo da parroquia.

Nos escasos catro anos que estivo de párroco e a pesares de adicar pouco tempo á freguesía, chegou a revolucionar esta bisbarra dun xeito incrible neses tempos, para logo rematar cesando por vontade propia no ano de 1792 ó ser elixido cóengo da catedral de Santiago de Compostela.

Era un persoeiro que no eido político estivo moi vinculado á causa liberal e ó movemento intelectual inconformista de Santiago co que compartía principios, motivo polo cal foi desterrado e encerrado polo Arcebispo Señor D. Rafael de Múzquiz no ano 1803 no mosteiro de Sta. María de Aniago (Valladolid). A este Arcebispo adicaríalle algunha que outra crítica nos seus escritos onde él mesmo se auto nomearía como «...bachiller, mentecato, loco, pero patriota, franco, liberal, amante de lo justo, firme de espíritu, y claro como el agua...».

O inquedo cura Malvar tamén foi un grande guerreiro e revolucionario. Así no ano 1809 foi un dos organizadores do levantamento de Galicia contra as tropas de ocupación francesas. Asemade, foi combatente contra as tropas de Napoleón nas batallas de Ponte Sampaio e Campolongo (Pontevedra) acontecidas nos días 7 e 8 de xuño do 1809, e posteriormente condecorado pola súa heroicidade. Tamén participou o 28 de marzo dese mesmo ano na reconquista de Vigo, onde foi nomeado gobernador político. Como ilustre liberal foi unha personalidade moi relevante que adicou boa parte da súa vida a defender este ideal político, e onde chegou a dar boa conta dos seus resultados nos contidos dos seus escritos, os cales tiveron presenza nas Cortes de Cádiz e na Constitución do 1812, e que pretendían entre outros moitos cambios, a supresión da Inquisición, a liberdade de imprenta, un parlamento que representara á Nación e un pobo que fora o soberano do Estado, onde o Rei só sería o seu delegado. Logo da expulsión das tropas de ocupación francesas, e trala restauración do reinado de Fernando VII en 1814, fai que se implante de novo o absolutismo no país e se enterren os principios liberais polos que tanto se loitaron. Por este motivo, o cura Malvar foi procesado e condenado a morte, pero só chegou a estar encerrado no convento de Herbón ata 1820.

Na súa faceta de escritor foi autor de varias obras, sempre defendendo as posturas liberais, da que a máis coñecida leva por título «La Constitución violada y mala fe guardada: o bien sea la punible, injusta, despótica, tumultuaria, grosera, escandalosa, temeraria, ratera, atrevida, extravagante, cismática, ridícula, provincialista, quijotesca, intempestiva, anti-religiosa, anti-constitucional, anti-canónica, anti-patriótica y nula posesión de quatro prebendas que ha dado el cabildo de Santiago en 24 de marzo de 1813 por contemporizar con el arzobispo». Tamén se lle atribúen varios escritos máis en galego e castelán, tales como «Oficio que ha pasado el señor canónigo D. Manuel Acuña y Malvar, en 31 de marzo de 1813, al Exmo. Marqués de Campo Sagrado, comandante general y jefe superior de Galicia» (1813), ou o famoso «Diálojo entre Dominjos e Farruco, sobre administrasón de xustisa da súa aldea» (1820), etc. Asemade estaba tamén preparando a «Historia militar de Galicia en 1809», pero non se sabe nada sobre a publicación desta obra.

Retirouse definitivamente no ano 1837 ó seu pazo de La Soledad, onde morreu o 1 de marzo do 1845 dunha infección de vexiga, e «...habiendo dispuesto diesen sepultura a su cadáver en el cementerio de Carreira, como se ejecutó. Dícese que sus parientes recogieron sus restos mortales y los colocaron en la capilla de su Soledad, A Coelleira».

O seu funeral foi na igrexa parroquial de Artes dous días despois de finar, e compre salientar que acudiron a oficiar a misa trinta e sete sacerdotes, algo moi común daquela cando falecía un fidalgo ou un crego importante.

As propiedades do párroco D. Manuel Acuña na Conlleira chegaban ás 100 Ha. as cales deixou en herdanza, xunto cos montes de Couso, a súa sobriña Dna. Carlota Fajardo y Acuña, casada con D. Severo Rodríguez García, segundo escritura do 12 de xaneiro do 1843 outorgada en Cambados.

Feito este non habitual naqueles tempos, xa que os sacerdotes acostumaban sempre a deixar algo para a Igrexa. Co paso dos anos, unha parte deses terreos (a casa e os montes de Couso) pasaron á familia Ricoy-Borbón, e outras tales como a capela e o pazo de La Soledad - na actualidade propiedade privada e onde non se permiten as visitas ó público – pasaron logo de varios enlaces familiares ós Condes de Bugallal.


Capela do pazo La Soledad