Carreira no ano 1753



Partindo da base documental do catastro de Ensenada, imos ver de seguido como era no ano 1753 o termo de San Paio de Carreira, a que fora a parroquia máis forte da zona no eido económico e demográfico ata esa época, e que a partires de aí pasaría a un segundo plano deixando paso a Santa Uxía de Ribeira, que xa comezaba a despuntar ca súa industria pesqueira.

No mes de xuño do ano 1753, desprázase á parroquia de Carreira o subdelegado da Única Real Contribución del Reino de Galicia, ca finalidade de redactar o interrogatorio e de recoller tódolos datos correspondentes para a realización do citado catastro.


O Catastro de Ensenada.

Entre os anos 1749 e 1753, e formando parte das Reformas Borbónicas feitas durante o reinado de Fernando VI (1746-1759), vanse reorganizar por completo os ingresos e os gastos da facenda pública do Estado. O encargado de levar a cabo esta labor foi o daquela Ministro da Coroa, Don Zenón de Somodevilla y Bengoechea, Marqués de la Ensenada. Este funcionario rioxano, xa fora cos anteriores monarcas Felipe V e Felipe VI o artífice de varias reformas administrativas, así como colaborador en varios organismos dependentes da Administración Naval.

O Marqués da Ensenada A devandita reforma fiscal quixo saber por medio dun catastro, as cantidades recadadas por tódalas taxas e conseguir así unha estatística da riqueza da poboación nos reinos da Coroa de Castela. Non formaron parte desta reforma os territorios das Illas Canarias, o Reino de Aragón, as provincias vascas e máis o Reino de Navarra, estes dous últimos con facenda foral propia.

Mediante o citado catastro, o que se procuraba era establecer a taxa da contribución única e como consecuencia dela, que houbera un reparto da mesma de forma máis xusta e proporcional como demandaba o pobo, pero por desgracia nunca se levóu á práctica. O procedemento a seguir para a súa elaboración foi similar en tódolos pobos ós que lle tocou, e era basicamente como segue.

Comunicarlle ás autoridades a data de chegada do intendente e da audiencia. Convocar ó cura, ós alcaldes, un ou dous rexedores, ó escribinte da xurisdicción e varios veciños elixidos por estes como peritos, ós cales o intendente lle podería engadir outros dous peritos de pobos veciños. Esta xunta formada respostaría a un interrogatorio de 40 preguntas xenéricas sobre o termo parroquial, as súas produccións agrícolas e pesqueiras, os prezos dos productos, os gastos de producción, as súas industrias, etc.

Isto constituía as chamadas Respostas Xerais, e daban como resultado o valor das terras do termo municipal co fin de calcular o producto das parcelas. Unha vez rematadas ditas respostas xerais, publicábase un bando obrigando ós veciños (cabezas de familia) que presentaran as súas declaracións por escrito e asinadas de tódolos seus bens, dereitos, rendas e cargas. Estas relacións eran colleitas polos xustizas e sometíanse a unha comprobación, constituíndo as chamadas Respostas Particulares. Rematados os documentos do catastro, respostas xerais e particulares dun pobo, eran enviadas ó intendente da provincia correspondente para elaborar os Mapas Provinciais.


A parroquia segundo o interrogatorio.

A parroquia era coñecida polo nome de San Pelaio de Carreira, e era do Señorío dos Reverendos Arcebispos de Compostela como anexa á Xurisdicción de Noia. Estaba integrada na Provincia de Santiago pertencente ó daquela chamado Reyno de Galicia. Inda non existían os Concellos como hoxe os coñecemos.

O cura párroco era D. Manuel Facundo Bodero que tiña trinta e tres anos. Ó seu servizo traballaban tres criados e tres criadas maiores, e estaba na posesión de dúas casas amais da maior parte das terras que lles traballaban moitos dos seus fregueses.

Logo do cura párroco, a persoa de máis relevancia da parroquia era o chamado mordomo pedáneo. Esta figura era o representante das autoridades de Noia na freguesía, e era o encargado de exercer as funcións administrativas e xudiciais a nivel local así como a recadación das taxas. No ano 1753 o mordomo pedáneo de San Paio de Carreira era o señor Juan de Lampón, de oficio labrador, que tiña 50 anos e que estaba viúvo.

O Rei Fernando VI O número de veciños rexistrados era de douscentos sesenta e seis, pero hai que ter en conta que na época do Antigo Réxime só se referían ós cabezas de familia, e non se tiñan en conta as mulleres e os nenos menores. Para ter unha cifra máis acertada, habería que multiplicar esa cantidade por unha media familiar duns 4,3 membros, obtendo así unha poboación de 1144 habitantes aproximadamente.

Non había a variedade de nomes e apelidos que existen a día de hoxe, así que como nomes masculinos máis comúns podíamos atopar por exemplo, Joseph, Mathías, Matheo, Francisco, Andrés, Roque, Ysidro, Esteban, Vicente ou Jacobo, e como femininos os que máis sobresaían eran Benita, Francisca, Bentura, Dolores ou Rufina. En canto ós apelidos, os que máis abondaban eran os autóctonos da zona como Lixó, Cruxeiras, Lampón, Figueirido, Sieira, Castro, Reirís, Parada, Mariño ou Teira. Curiosamente no catastro aparecen escritos moitos deles nas súas variantes galega e castelán e formas personalizadas como por exemplo Da Azo (De Aiaso).

A maior parte das xentes vivían da agricultura e da gandería, e tamén había algúns veciños que se adicaban conxuntamente co agro á pesca de baixura aproveitando segundo que épocas do ano lle eran máis axeitadas.

En canto ós tipos de terreos de cultivo que había na parroquia, o que nos di o catastro e que eran de campo, labrantío, regadío e sequeiro, algunhas parras de viña, toxeiras e monte aberto con poucas hortas de coleiros e demais. Había moi poucas árbores e basicamente eran álamos, loureiros, carballos, castiñeiros e algún que outro froiteiro e que se achaban espallados por toda a freguesía sen orde algunha. Por suposto naqueles anos non existían as masas arbóreas de piñeiros e eucaliptos que tanto abondan na actualidade e que foron introducidas de xeito indiscriminado a finais do século XIX e máis no século XX dentro dos planos nacionais de repoboación forestal.

Os froitos que se colleitaban nesta freguesía eran en maior parte centeo, trigo, millo, nabos, liño, algunha que outra froita, coleiros, cabazas en curto número e tamén algún viño. A pataca e o millo gordo recen chegados de América inda comezaban a súa andaina, polo cal non eran uns cultivos maioritarios como son na actualidade. Os animais de traballo que había no termo eran 382 vacas, 38 bois, 144 tenreiros, 5 poltros, 47 eguas, 670 ovellas, 230 años, 30 carneiros, 244 porcos con 64 porquiños de cría, ademais de 32 cólmenas de abellas e tan só un pollino, segundo ven recolleito no Libro de Estados do citado catastro.

Pero ó que máis medo lle tiñan os nosos antepasados eran ás taxas que habían de pagar ós representantes das distintas autoridades. Había unha grande cantidade de tributos que basicamente podíamos resumir en tres tipos; señoriais, eclesiásticos e reais, malia que eran complicados de entender e sobre todo de recadar, de aí a que houbera moitos conflictos por estes motivos.

Os tributos señoriais eran as Alcabalas e máis o Servizo Extraordinario, e sumaban a cantidade de 242 reais de vellón que había que pagar na parroquia por ser os vasalos dun señor, neste caso do Reverendo Arcebispo de Compostela.

No que respecta ós tributos eclesiásticos, estes eran Diezmos, Primicias e Oblatas, que se pagaban por seren membros da Igrexa. Os Diezmos correspondían ó 10 por cento da producción pesqueira ou agrícola dos fregueses e que ían parar directamente ó cura no caso de Carreira. As Primicias só debían de pagalas as casas máis antigas e as Oblatas eran os dereitos das misas de bautismos, casamentos e enterros, e que se correspondían basicamente en entregarlle ademais das cantidades de diñeiro correspondentes, outros conceptos físicos, tales como galiñas, aceite, millo, etc.

E por último, os tributos á Coroa; taxas que debían de facer efectivas os veciños por ser súbditos do Rei. Entre elas estaban os Millones, que eran taxas sobre os consumos de viño, aceite, peixe, carne, etc., e que sumaban 325 reais, as Alcabalas, que correspondían ás mercadorías, e que chegaban a ser de 1965 reais, e máis os Cientos e as Sisas que eran un incremento dos anteriores e que sumaban a esas taxas 190 reais de vellón máis. Demasiadas taxas para o pouco aproveitamento delas que recibía a poboación.

A industria que había en Carreira, reducíase a pouca cousa. Había no termo parroquial dezaseis muíños fariñeiros, os cales moían soamente de dous a tres meses do ano segundo os veciños «pola falla de auga». Como se pode apreciar ou ben eran anos bastante secos, ou os regatos que alimentaban estes muíños non estaban ben acondicionados para traballar de xeito continuo todo o ano, ou sinxelamente porque a escaseza na colleita do millo non era dabondo máis que para traballar eses meses. Estes antigos enxeños dos que a día de hoxe quedan todos en pé inda que a maioría en estado ruinoso, estaban situados como di o texto do catastro nos lugares que son percorridos polo Rego do Vilar, dende Castro ata o campo de Amendo, e máis no curso do Rego Paxariño, dende Laxes ata A Filgueira.

O que tamén había na parroquia de Carreira daquela eran dous fornos telleiros, os cales producían soamente unha fornada de tella ó ano. Estaban situados na Horta de Casaldaviña (Vixán) e máis na Toxeira do Varral (O Vilar), e eran propiedade dos señores Juan de Cruxeiras de 64 anos e Manuel Fernández de 60, ámbolos dous tamén labradores.

No que respecta á industria do mar, podemos dicir que daquela o número de embarcacións pesqueiras era de cincuenta e unha dornas, establecidas nos lugares de Aguiño e máis en Anquieiro. Non había barcos máis grandes en toda a parroquia. Adicábanse as dornas sobre todo á pesca do polbo e artes menores, e soían traballar todo o ano dependendo tamén das condicións meteorolóxicas.

O único centro de reunión da parroquia era unha baiuca á que chamaban Taberna de Carreira, situada no lugar hoxe coñecido como Campos, e que era propiedade de Juan Rodríguez, labrador e Sisero (recadador), de 40 anos e con cinco fillos.

O resto dos oficios que había eran os que seguen: un escribinte (scrivano), un canteiro, dous ferreiros, sete tecedores (texedores), cinco tecedores eventuais, dez xastres, dous carpinteiros, cinco zapateiros (zapatareros), e o resto eran basicamente labregos eventuais e algún que outro probe de solemnidade sen oficio nin beneficio.

Pódese dicir logo de ollar todo o contido deste resultado do catastro, que o pobo era a imaxe perfecta da Galicia costeira daquela. Un sitio probe, cheo de xente humilde e moi traballadora, e que bastante facía por sobrevivir e facer fronte ás taxas que lle caían enriba todo o ano. Por outra parte, unha vista da paisaxe desta terra naquela época pareceríanos algo incrible se a puideramos comparar a como é a día de hoxe.