Da prehistoria á Idade Media



Castro da Cidá En case que todo o territorio da península do Barbanza, podemos atopar manifestacións culturais que testemuñan a presenza do home nas épocas prehistóricas. Estes vestixios aparecen en forma de monumentos sepulcrais tales como antas e mámoas, onde os restos humanos son prácticamente nulos debido sobre todo á morfoloxía do terreo, non axeitada para a súa conservación ó paso do tempo.


A xulgar polos restos arqueolóxicos que se atopan espallados pola zona como poden ser o petroglifo da Pena das Cabras (Figueirido-Palmeira), a pedrafita do Cristal (Bretal-Olveira), os restos cerámicos achados nos Pericos (Couso-Aguiño), ou as antas de Axeitos (Oleiros) e de Coroso (Palmeira), é de supor que a parroquia, por mor da súa situación xeográfica estratéxica e e o seu entorno rico en recursos naturais, terras fértiles e abondo de fauna mariña e terrestre, estivo poboada dende a Prehistoria, sendo os enterramentos da Mámoa, descoñecidos e pouco investigados, xunto cos do monte da Cidá, que corren a mesma sorte, os únicos restos prehistóricos de Carreira.


As mámoas.

Nas ladeiras do monte da Cidá podemos achar espalladas varias mámoas de pequenas dimensións e que amosan un estado de conservación moi lamentable. Por mor dos continuos saqueos e talas incontroladas ó longo dos anos, presentan un avanzado estado de destrucción. Recentemente, preto do entorno da praia do Vilar, descubríronse algúns túmulos que inda están a ser investigados.

A outra mámoa, máis famosa polo seu nome pero menos coñecida quizais, está localizada no lugar ó que da nome, máis en concreto na zona da Fieiteira, a carón do estadio municipal. Non é doada de visualizar, xa que está oculta por completo pola vexetación e tamén rodeada de árbores. Ó igual que nos monumentos funerarios do monte da Cidá, non se atopou tampouco ningún resto arqueolóxico nin de ningún enterramento na citada mámoa ata o de agora.


Os castros.

Castro do Porto de Baixo Coincidindo ca decadencia da metalurxia do bronce e a posterior introducción en terrirorio galego de pobos nómadas procedentes de centro Europa dominadores da técnica do ferro, vaise producir un cambio nesta sociedade que rematará na cultura castrexa, época na que se comeza a construcción dos castros, lugares de poboamento estables. Na parroquia de Carreira contamos con dous deles nun moi lamentable estado de conservación, como son os do monte da Cidá e o do Porto de Baixo.

O castro do monte da Cidá atópase mesmo no cumio deste monte. A carón do vértice xeodésico, e estructurado arredor dun pequeno adro de forma oval duns 98 x 65 m. Está moi ben protexido de ataques externos, xa que nas súas caras Norte e Oeste, hai uns terrapléns que fan moi difícil a ascensión a esta acrópole; e pola parte Leste e Sur está protexido por rochas naturais a xeito de muralla defensiva. Na actualidade, e a falla de facer unha escavación arqueolóxica axeitada que os desenterre por completo, os restos do castro atópanse case que todos tapados polas toxeiras, agás unha pequena construcción circular que se pode ver libre de maleza, lugar este onde se acharon restos cerámicos no ano 1915 logo dunha escavación, e máis a comezos dos anos oitenta, pouco antes de comezaren a talar as árbores, pero esto xa de xeito furtivo.

O outro castro do que se ten coñecemento na parroquia está situado a carón da praia do Porto de Baixo, no lugar de Anquieiro, na actualidade dentro dos terreos do Parque Natural do Complexo Dunar, e foi descuberto de casualidade no ano 1978. O castro consta dunhas pequenas construccións totalmente soterradas, e rodeadas dunha impresionante muralla que as protexe aproveitándose da morfoloxía do terreo. Mide uns 90 x 40 m. e ten forma ovalada. Pola súa cara Oeste, o mar faille de defensa natural a este recinto. Segundo os expertos, este poboado posiblemente estivo habitado entre os séculos IV ó II antes da nosa era. Recentemente, en decembro do 2004, fixéronse nel unhas pequenas escavacións para sacar á luz a súa grande muralla defensiva.


A creación da parroquia.

A partires do ano 410, constitúese sobre Gallaecia un reino independente emancipado do Imperio Romano e gobernado polos reis suevos cunha estructura estatal propia, o Gallaecia Regnum (Reino de Galicia), que sería o primeiro de Europa logo da romanización. A organización administrativa de Galicia divide o Reino en dióceses agrupadas en sedes.

Toda a bisbarra da Barbanza pasa a formar parte dunha grande parroquia altomedieval, Pistomarcos (Postamaricos), pertencente á sede episcopal de Iria Flavia (a actual Padrón), e que aparece citada no Paroquiale Suevorum (ou Divisio Theodomiri), primeiro documento este que da conta da estructura e organización parroquial do Reino de Galicia, subscrito polo Rei Galaico-Suevo Teodomiro no ano 569. Desta extensa parroquia derivaría máis tarde o nome do actualmente denominado Arciprestado de Postmarcos.

Liber Tenencie de Horro - 1438 A etapa que vai dende o Reino Suevo ata finais do século XII foi unha época difícil e escura, onde hai un baixo ou case que nulo crecemento demográfico. Foi tamén a época das invasións viquingas, normandas e sarracenas que asolaron a zona deixándoa case despoboada, dende eses anos ata ben entrada a Baixa Idade Media sobre o ano 1300, na que os ataques cesaron case que por completo.

Pasado o tempo e chegando xa ó século XIII, é cando aparece o primeiro documento escrito coñecido que fai presuntamente referencia a Carreira. Este documento trata da venta dunha herdanza, e está recolleito no chamado Tombo de Toxos Outos.

A escritura está datada no 12 de setembro do ano 1200, pero ten a peculiaridade de que o nome que aparece é o de Sancte Eugenie de Carraria, polo cal non se pode dicir que se refira realmente a esta parroquia ou á de Ribeira. «(...) tota nostra hereditate quantam habemus in villa que uocatur Dayam in concurrencia Sancte Eugenie de Carraria que est in terra Pistomarchos (...)». Outro documento onde si aparece o nome da parroquia é no Liber Tenencie de Horro (Memorial de Facenda, rendas e pensións da Antiga Tenencia do Hórreo), realizado no ano 1438 por D. Gonzalo Vázquez de Mandayo, e onde estaban anotados os pagos dos décimos eclesiásticos. Aquí aparece citado da forma Sant Payo de Carraa, como aparecerá tamén en vindeiros documentos da Igrexa.

Libro da Confraría do Sacramento - 1609 A parroquia de Carreira pertence dende a súa orixe á xurisdicción de Noia, que era señoría do Arcebispado de Santiago. O goberno máis a administración local estaban exercidos por un mordomo pedáneo elixido anualmente entre os veciños e aceptado pola autoridade, e a súa labor principal consistía na administración e colleita das taxas así como á selección de quintas para o servizo militar.

Nos séculos XIII e XIV comeza unha nova etapa de tranquilidade na zona costeira que vai permitir un lento pero continuo repoboamento da zona ó rematar a onda de saqueos e de invasións.


Pénsase que o primeiro núcleo de poboación estable da parroquia foi o lugar de Paredes, hoxe despoboado, xa que o seu nome aparece en varios mapas e documentos da época, e que posiblemente fora abandonado logo dalgunha epidemia de peste ou cólera tan frecuentes daquela.



Interior da muralla do castro do Porto de Baixo