Igrexa parroquial de Sampaio



Estilo neoclásico, século XVIII.

Construída durante os anos 1712 e 1717 sendo cura párroco D. Juan de Helguero, a igrexa parroquial de Sampaio custou 36.378 Reais de Vellón daquela.

Igrexa parroquial de Sampaio É un templo de estilo barroco con forma de cruceiro. Edificouse enriba da anterior igrexa máis pequena de estilo románico que había no solar para poder dar acollida á crecente poboación da parroquia. Na súa construcción interviñeron mestres canteiros da aldea de Frións, amosando as súas dotes constructivas como xa fixeran noutros edificios similares da zona e máis nalgunha reforma da catedral de Santiago de Compostela.

O edificio consta dunha única nave con sancristía e campanario. A forma da mesma é a típica cruz latina, común na maioría das igrexas da cristiandade, co brazo transversal moi curto. Está dividida en catro tramos por arcos de medio punto, os cales sosteñen unha bóveda de canón ata o presbiterio onde é de cruceiro. Asemade, o cruceiro está bordeado por catro arcos de medio punto. A cercha que sostén o tellado é de madeira. Hai un chanzo de madeira os pés do templo que foi restaurado recentemente, e onde está situado o harmonio que compaña ó coro nas celebracións. Dende a mesma acédese á torre do campanario por unha estreita escaleira de pedra. A sancristía está na cabeceira da nave por detrás do altar, sendo de menor altura ca o resto do edificio.

Os muros desta rexa igrexa son de cantería de granito da terra. Nos mesmos ábrense unhas pequenas ventás, cadansúa en cada parede do edificio. Tamén hai unha pequena porta auxiliar no lado Norte que é usada máis a cotío que a principal do lado Oeste.

Imaxe de San Paio O deseño da fachada principal é moi sinxelo, onde se sitúa unha porta principal sen adobíos e enriba desta unha pequena ventá. Entre estes dous elementos colocouse recentemente unha pequena figura de pedra do patrón, San Paio. A igrexa está rematada por unha pequena cornixa a dúas augas, que se ve interrompida na parte noroeste pola torre do campanario. Como dato anecdótico, hai que dicir que no ano 1818, un lóstrego destruíu a citada torre. A piques de ser reconstruída, un canteiro que traballaba no pinche da mesma, caeu ó chan dende esa altura, morrendo no acto. Non se colocou o devandito remate ata o ano 1998 no que se arranxou todo o tellado ó completo, por mor da iniciativa do entón cura D. Alejandro Bello e máis dos fregueses.

Tamén, o 10 de abril do 1896 segundo relato do cura ecónomo D. Manuel Nodar Magán, incendiouse o retábalo maior de estilo barroco orixinal do ano 1721, sendo trocado no ano 1912 por outro mais sinxelo, obra do afamado artista López Pedre. Asemade, este elemento volveu a ser restaurado no ano 1989 por mor da iniciativa do párroco D. Alejandro Bello. Xunto con esta perda, hai que engadir tamén varios libros do rexistro parroquial que foron pasto das lapas nese incendio.

Lateral da igrexa de Sampaio É a igrexa máis grande da parroquia, e nos seus arredores atópase o cemiterio parroquial de Carreira e Aguiño. Este cemiterio foi feito inicialmente no interior do adro da igrexa para facer unha primeira ampliación no ano 1935 e outras posteriores no 1978 e máis no 1984.

Antigamente había varias laudas de pedra moi antigas, algunhas das cales tiñan unhas curiosas formas esculpidas que chamaban a atención de quenes as vían, xa que estaban mesmo o pé da porta principal. Unhas eran de forma antropomórfica e outra tiña gravado unha caveira con dous osos cruzados. Que foi delas non se sabe, pois cando se fixo o levantamento das laudas do interior do adro a comezos dos anos 90, foron retiradas de xeito inconsciente, igual ca o que se está a facer agora co interior do adro, eliminando o céspede e tapándoo con lousas de pedra, sen darse de conta do dano que se está a facer ó legado histórico artístico.

En canto ó santo que preside esta igrexa parroquial, hai un antigo cantar mariñeiro adicado ó mesmo e que foi recolleito na memoria do pobo que dicía así:

«Alá no medio do mar, hai unha pedra picada, que a picóu San Pelaio, co-a punta da espada».


O monumento ós mariñeiros desaparecidos (1983).

É o único monumento deste estilo que hai en toda a parroquia, e está situado no interior do adro do cemiterio parroquial de Carreira e Aguiño.

Monumento ós mariñeiros desaparecidos Co océano Atlántico de fondo, esta estatua quer homenaxear a tódalas persoas finadas nestas parroquias, e máis ca nada ás xentes do mar desgraciadamente desaparecidas baixo as súas augas.

A estatua foi feita no ano 1983 polo escultor Xan M. Valcarcel Obelleiro (Tui - 1956), logo de remataren as obras correspondentes á ampliación deste camposanto.



Retábalo da igrexa de Sampaio