A nevarada do ano 87

Tal día coma hoxe de fai 39 anos, a mañá do mercores 14 de xaneiro do 1987 quedou gravada na memoria colectiva da parroquia, ó amencer completamente cuberta por unha inusual capa de neve.

A maioría da veciñanza non lembraba ningún episodio semellante, e quen aseguraba telo vivido situábao de maneira imprecisa nos anos posteriores á guerra civil. Porén, diversas anotacións conservadas en documentos fotográficos doutros particulares permiten confirmar que un fenómeno semellante tivera lugar o 13 de xaneiro do 1945.

A nevarada dese día converteuse nun acontecemento extraordinario para a zona, pouco afeita a episodios meteorolóxicos deste tipo. A xornada transformouse nun día de celebración espontánea, no que a veciñanza, especialmente a poboación máis nova, aproveitou para xogar na neve, esvarar a modo sobre o xeo e participar en divertidas batallas de bolas, malia as consecuencias propias do intenso frío.

Vista dalgunhas das casas e leiras do lugar das Pedriñas o día da nevarada.

O impacto da nevarada deixou tamén a súa pegada na vida cotiá. Nos centros educativos suspendéronse as clases ante a imposibilidade de manter a actividade lectiva, xa que o alumnado permanecía no exterior gozando dun fenómeno tan pouco habitual. Pola súa banda, a circulación viaria viuse afectada pola falta de costume e de equipamento axeitado para desprazarse sobre superficies xeadas. Rexistráronse numerosas caídas de peóns e pequenos incidentes de tráfico. Entre eles destaca o caso do autobús Sarasquete, o cal cubría a liña entre Ribeira e Aguiño, que sufriu un pequeno envorco na curva da Mámoa sen consecuencias graves para os pasaxeiros, aínda que provocou retencións momentáneas na estrada.

No lugar da Mámoa, un autobús da Empresa Saraquete saíuse da vía. 14/01/1987.

O monte da Curota nevado visto dende o malecón de Ribeira ó mediodía do 14/01/1987.

As anécdotas multiplicáronse por toda a parroquia, e aquel día permaneceu especialmente vivo na lembranza das persoas máis novas, que experimentaron unha xornada de entusiasmo e sorpresa dificilmente repetible. Con todo, o episodio tivo unha duración limitada. A partires do mediodía, a subida das temperaturas e a presenza dun sol intenso —paradoxalmente nun dos días máis luminosos dese inverno— favoreceron a rápida desaparición da neve.

Tanto a nevarada do 1987 como a rexistrada no ano 1945 constitúen, ata o momento, os únicos episodios documentados deste tipo na historia coñecida da parroquia, sen que existan referencias contrastadas doutros acontecementos semellantes.

Fontes:

– Imaxe portada: Tellados das casas do Cruceiro e de Campos. Serafin Vidal Teira (Carreira). 1987.

– Imaxes autobús na Mámoa e Curota: Antonio Parada Mariño (Aguiño). 1987.

Comentarios pechados

Basado en WordPress traducido por egalego.com | Tema: Baskerville 2 por Anders Noren

Subir ↑