Outras construccións tradicionais
Os hórreos da parroquia.
Abundantes en todo o país galego, en Carreira tamén hai unha grande cantidade de hórreos espallados por tódolos cornechos da parroquia.
Algúns teñen centos de anos e inda aguantan a pesada carga que se lles bota cada ano despois das correspondentes colleitas.
Outros fóronse modernizando co paso do tempo, engadíndolles novos tellados, portas, e tamén novos materiais de construcción
como o ladrillo ou o fibrocemento, algo que, a pesares de que é necesario por motivos económicos e funcionais,
inflúe de xeito negativo na súa estética, xa que rompe o estilo arquitectónico tradicional destes monumentos do pasado.
O hórreo galego é un celeiro que se usa para a conservación do millo, para a súa seca e tamén para o almacenamento das espigas.
Este celeiro está perfectamente axeitado ó clima húmido de Galicia.
De orixes descoñecidos, o hórreo xa estaba en Galicia antes que o millo (introducido a comezos do s. XVII), proba delo é que
os historiadores romanos xa daban conta del fai dous mil anos, inda que as formas e os materiais distaban moito dos actuais.
Eran basicamente de madeira e palla e servían para almacenar o orxo, o centeo, o liño, as castañas ou o millo miúdo (paínzo).
Pénsase que o seu nome deriva do latín «orreum», inda que hai quen sostén que provén do grego «oreion» (celeiro, depósito).
O que nunca se atoparon foron restos de hórreos de pedra nos castros prerromanos, debido quizais a que os fixeran de madeira.
É de sobra coñecido que estes habitantes realizaban colleitas como a castaña, a abelá ou a landra entre outras.
A forma básica rectangular de pedra que chegou ata os nosos días ten a súa orixe moi posiblemente na época sueva,
xa que entre outros argumentos para demostralo cítanse o progreso que este pobo aportou ós cultivos, a súa influencia
na agricultura desenrolando ferramentas, e sobre de todo que a área de difusión dos hórreos coincide cas zonas de asentamento dos suevos.
En canto os ornamentos que decoran os pinches do hórreo, o significado máis axeitado que se lle dá a estas pequenas
esculturas é que como o hórreo era un elemento do que dependía a economía familiar, o seu contido necesitaba
protección tanto material como espiritual, e esa protección espiritual viría dada pola cruz.
Tendo en conta que a orixe do hórreo é anterior o cristianismo, o pináculo piramidal do outro extremo do pinche,
suponse que tería o mesmo cometido que a cruz, pero facendo culto a antigos deuses de posible orixe exipcia xa desaparecidos do culto actual.
Pombais, fontes, lavadoiros, pozos e muros.
En toda a parroquia, igual ca no resto de Galicia, existen unha serie de construccións que tamén son abundantes,
pero pasan quizais un pouco desapercibidas xa que están plenamente integradas no paisaxe e a súa función ó non
ter un xeito tan ornamental nin destacado, fai que ninguén se fixe nelas.
Entre estes elementos arquitectónicos podemos destacar os pombais, as fontes, os lavadoiros, os muros de pedra
e os non menos importantes pozos de auga das leiras, chamados comunmente pozos de ras.
A función dos pombais como o seu nome indica, era a de dar cuberto ás pombas, aves que antigamente estaban moi
apreciadas nas casas dos labregos como animais domésticos. O máis destacado é o de Sampaio, preto da igrexa parroquial, inda
que tamén podemos atopar varios máis en propiedades privadas de antigas casas labregas.
As fontes xunto cos pozos particulares eran o medio de poder obter auga corrente potable para as tarefas cotiás
como facer de comer ou asearse. As que inda seguen en pe na parroquia son as de Vixán, Carreiriña, A Filgueira,
Fontenla, Laxes, Frións, Cubelo, Parte ó Río e O Vilar, pero a conservación delas non é todo o axeitado que debería,
pois a maioría están en estado practicamente ruinoso.
Os lavadoiros son outras desas construccións que antigamente eran de uso cotián para os habitantes da parroquia,
pois era onde se reunían principalmente as mulleres a facer o lavado da roupa de toda a familia. Os máis representativos
da parroquia son os de Vixán (a carón da fonte), o da Filgueira, o do Vilar, e máis o de Pedrín, preto da capela de
San Roque. Ó igual que as outras construccións, o seu estado de conservación tamén deixa moito que desexar, pois
foron caendo no abandono co paso do tempo.
Pero se hai algunha construcción que estea totalmente esquecida dos patróns habituais, estas son os muros de pedra
máis os pozos de ras.
A maioría dos muros foron feitos logo da Desamortización para serviren de marca ós terreos dos novos propietarios.
Algúns deles son auténticas obras de arte, que sen ningún tipo de mestura entre as pedras que o forman mantéñense
en pé dende fai centos de anos aguantando todo tipo de batidas. Outros son auténticas fortalezas que teñen asemade
un deseño e unha feitura propia de castelo medieval en pequeno.
Por outra parte, os pozos de auga (cousos) que se atopan no medio das leiras, servían para poder regar os cultivos basicamente
de millo nas épocas de maior seca.
A abundancia de ras nas súas augas dou pé a que se lles chamara polo nome dos anfibios que neles vivían.
Algúns destes enxeños chegaron ata os nosos días ca feitura de fai centos de anos, e seguen a dar boa cantidade
de auga na época de estío, cando máis malla o sol nesta terra.