Situación de San Paio de Carreira



Localizado no extremo sur occidental da provincia da Coruña, na comarca da Barbanza, o termo parroquial de San Paio de Carreira, atópase entre os 42º 32’ de latitude Norte e os 9º 00’ de lonxitude Oeste; encadre xeográfico que se corresponde co saínte occidental da península da Barbanza onde se dividen as rías de Muros-Noia e Arousa. A súa superficie é de 9,5 km2.

É unha das nove parroquias que compoñen na actualidade o Concello de Ribeira, xunto cas de Aguiño, Artes, Castiñeiras, Corrubedo, Oleiros, Olveira, Palmeira e Ribeira, sendo esta última a capital do mesmo. No eido eclesiástico, a parroquia forma parte do Arciprestado de Postmarcos, Diocese de Santiago de Compostela.

Prema para ampliar Linda ó Norte co termo de San Xián de Artes, ó Leste cos termos de Santa Uxía de Ribeira e o Bo Pastor de Castiñeiras, ó Sur ca parroquia de Nosa Señora do Carme de Aguiño e ó Oeste co océano Atlántico.

A altitude media e de 25 metros sobre o nivel do mar; o seu clima é tépedo, de tipo atlántico, resultante da exposición directa ós ventos mariños. Asemade a temperatura media anual rolda os 14,9º C , sendo unha das máis altas de Galicia, e as temperaturas extremas roldan os 0,5º C no inverno e os 34,4º C no verán.

O punto máis elevado de Carreira é o monte da Cidá con 213 m de altitude, punto este desde onde se pode ollar a totalidade da extensión do termo parroquial e do Concello. A poboación actual censada na parroquia é de 2202 habitantes con data de decembro do ano 2005.


Selo parroquial de San Paio de Carreira O termo parroquial está oficialmente composto polos lugares de:

Agro da Cuña, A Aldea Vella, As Bouzas, Os Buxos, Campos de Abaixo, Campos de Arriba, A Capela, Carreiriña, As Cartas, Casalnovo, Castro, Covelo, O Cruce, A Estrada, A Fieiteira, A Filgueira, Frións, A Graña, A Granxa, Laxes, Liboi, A Mámoa, Montevixán, O Outeiro, Parte ó Río, Pé do Corniño, As Pedriñas, A Pedrosa, O Quinteiro, A Revolta, O Rueiro, Sabartán, Sampaio, Sobreira, O Vilar e Vixán.


O centro urbán da parroquia, localizado en Campos, dista unha lonxitude de 3 km. de Santa Uxía de Ribeira, centro administrativo do Concello, e de 65 km. de Santiago de Compostela, capital da Comunidade Autónoma de Galicia.



Utilice as frechas de control para acercar, alonxar ou mover o mapa.