Flora e fauna do parque natural



Das preto de cincocentas variedades vexetais presentes nas dunas, pradeira postdunar, e marismas destes humedais, inclúense especies de grande valor pola súa rareza ou carácter endémico. Obtense como resultado a presenza no parque de vinte e tres especies que gozan dalgún tipo de protección oficial nalgún dos estados europeos. En calqueira caso, pódese dicir que esta área ofrece unha ampla representación de case que tódalas comunidades vexetais propias das marismas, lagoas e areeiros da costa galega.

Garza Real A lagoa de Vixán, polo seu carácter menos halófito (resistencia ó sal), presenta comunidades de prantas de auga doce e carrizo. Complementan a paisaxe as unidades perimetrais cunha vexetación -na súa maior parte cultivos- que non é senon, o resultado da humanización desta área.

Este mosaico de hábitats complexos e diversos, posibilita o asentamento dun grande número de especies animais, tendo en conta que das catorce especies de anfibios citadas para Galicia, dez están presentes neste parque así como catorce especies de reptís das vinte presentes en Galicia. Tamén existe unha variada representación de mamíferos e outras especies do eido mariño ou litoral.

Esquío
O valor ornitolóxico quedóu plasmado mediante a inclusión desta área no Convenio Internacional para a protección dos humedais (Convención de RAMSAR) do ano 1993, adquirindo a categoría de Zona Húmida de Importancia Nacional.

En concreto para a fauna invernante distinguense tres áreas ben diferenciadas:


a) Marismas da lagoa do Carregal, onde se acumulan as principais concentracións de especies laro-limícolas. É numerosa a pírula dourada nos areais, así como a gaivota, pirlo, mazarico ou bilurico.

b) Lagoa de Vixán, con abondosa xunqueira e carrizo, alberga especies tales como o alavanco real, somorgullo pequeno, parrulo común, etc.

c) Zona mariña, onde destacan a gaivota clara, gaivota chorona, corvo mariño real, charrán crestado, e incluso algún martiño peixeiro.

Tamén hai que salientar outras especies tales como a miñata, cernícalo, moucho, xílgaro ou paspallás en canto a aves, así como o xabarín, xeneta, coello, raposo, esquío e incluso algunha lontra polo restante. En definitiva, a zoonose neste complexo húmido alberga preto de cento cincuenta especies que enriquecen e configuran a singularidade e importancia ecolóxica desta área protexida.


Poliños de azor