Capela de Nosa Señora da Guía
Orixinal século XV, neoclásico dende o século XIX.
É unha das máis famosas de toda a bisbarra, onde se festexa unha romaxe tódolos anos coincidindo co
luns seguinte á Pascua de Pentecostes. Non se sabe certamente cando foi construída, pero hai documentación
que acredita que no século XV existía unha pequena capela de pedra e madeira na toxeira onde está situada,
fundada por unha orde de monxes mendicantes.
O edificio da capela inda que é dun deseño moi sinxelo, ten unha grande pureza de liñas. A súa planta é rectangular,
cunha única división no seu lateral oeste que a separa da sancristía.
Os muros do edificio son de granito autóctono de mampostería, e nos que as pezas maiores están nos laterais, nas xambas e nos dinteis.
No seu interior, unha cuberta plana de madeira, agocha as cerchas tamén de madeira que sosteñen a cuberta a dúas augas da capela.
No pé da mesma, situado ó Norleste levántase a tribuna á que se pode aceder por unha pequena escaleira en forma de L pegada
ó muro Norte onde está tamén situada a porta de aceso principal.
A súa fachada e moi sinxela, e está composta ademais da porta principal por un frontón triangular formado a súa vez polas
cornixas a dúas augas unidas a outra cornixa que fai de base. Enriba da mesma está o campanario formado por unha espadana
con dous ocos rematados en arcos de medio punto, e sobre os que se asenta unha cornixa con pináculos e moldura curva.
As súas campás foron colgadas nos anos 50 do século pasado e fai poucos anos, colocouse no seu cume unha grande cruz latina de pedra.
No medio do muro Surleste existe unha pequena porta que é usada como aceso moi frecuentemente polos fregueses.
No século XVI, o auxe do protestantismo en Europa fixo que en moitos sitios se tirasen as imaxes das Virxes e Santos ó mar,
cos seus conseguintes achados por parte dos mariñeiros. Iso aconteceulle a un grupo de pescadores de Carreira,
os cales atoparon unha imaxe da Virxe no mar, e levárona ó lugar
chamado A Toxeira de Entrematos (Antromatos), onde hoxe se atopa o santuario que a garda. Esta imaxe foi agochada durante
moitos anos no sitio onde logo se erguería a capela que a venera, a finais do mesmo século.
O nome déronllo uns mariñeiros no século XVII, cando debido o mal tempo e tralo afundimento da súa embarcación puideron
salvarse todos, achacando tal fortuna á Virxe, polo que vestidos cas súas faenas de traballo, achegáronse ó santuario
para ofrecerlle unha misa e venerar a súa imaxe facéndolle o seguinte rogo: «Virxe Santísima, guíanos ben», e foi dende
aquela cando se chamou así a que hoxe coñecemos como Virxe da Guía.
O santuario, que nun principio constaba dunha pequeniña casa, pasou por dúas reformas, a derradeira no ano 1905, e dende
entón permanece igual, agás o repique da pedra exterior feito no ano 1983, pois anteriormente as súas paredes estaban
recebadas e pintadas de cor branca cas esquinas en pedra vista, moi ó estilo portugués.
Tamén se botou abaixo de xeito indiscriminado parte do muro que a rodeaba para facer unha pequena praza que desafogara
un pouco o entorno, e aproveitala nos días de festa como centro de reunión.
A iniciativa correu a cargo da asociación de veciños A Guía no ano 1982, e non se pode dicir que fora unha decisión acertada,
pois destruíu parte do patrimonio histórico artístico desta capela. Este muro fora feito a iniciativa do cura Vilacova, en decembro do ano 1884.
Na actualidade perdéronse moitos dos rituais que antigamente se facían ante o santuario, tales como a queima
de embarcacións vellas (xeralmente dornas) que os seus propietarios ofrecían como sacrificio á Virxe en sinal de
agradecemento por libralos de calqueira percance no mar; as grandes demostracións de fogos artificiais,
ou a popular romaxe tradicional galega, cos seus toldos baixo os cales se xuntaban os paisanos a degustar
as típicas racións de polbo, mesturadas con pan de millo e de viños da terra, sendo todo elo animado por afamados gaiteiros.
Naquelas romaxes podíase oír cantar ás xentes belas interpretacións adicadas á honra da Virxe como as que seguen:
«Nosa Señora da Guía, onde che viñeron por, na toxeira de Entrematos, cos toxiños arredor».
«Nosa Señora da Guía, ten a porta cara ó mar, para ver ós mariñeiros, cando veñen de pescar».
«Nosa Señora da Guía, ten a barquiña na man, ¿quen lla deu, quen lla dará?, ¡o Señor da terra e do mar!».