Capela de San Roque da Granxa
Orixinal século XVI, reformada no século XX.
Hai antigos documentos parroquiais que confirman que xa no ano 1505 se lle rendía culto
ó santo en cuestión nunha capela da que hoxe se descoñece a súa localización.
É no ano 1679 cando o párroco D. Lorenzo Dono Taboada, funda a capela de San Roque no lugar
da Granxa e tamén a correspondente confraría adicada ó santo.
O edificio da actual capela foi reconstruído polos seus propietarios, a familia Correa,
a comezos do século XX, despois de que estivese moitos anos abandonado, chegando incluso
a quedar co tellado caído e o interior cheo de silveiras como nos di unha anotación feita no
libro de fábrica parroquial do ano 1816, por mor dun preito entre os veciños de Santa Uxía
e os de San Paio polos lindes de ámbalas dúas parroquias, que ó final se decidiría a prol dos últimos.
Nos anos sesenta do século XX, o cura D. Alejandro Bello ordenou restaurala un pouco, xa que o seu
estado era moi lamentable, e darlle empuxe así á celebración anual da romaxe correspondente ó día
de San Roque, que cada 16 de agosto reunía a moitos fregueses nos seus arredores, onde se xuntaban
a comer e pasar o día na compaña de familiares e amigos, así como de xentes doutros lugares que se
acercaban á capela a celebrar o día, todo elo dentro dun ambiente moi animado.
Desgraciadamente, o paso do tempo e os novos xeitos e costumes da sociedade, fixeron que
esta romaxe fora indo a menos. Tamén había un pequeno cantar mariñeiro autóctono adicado
á festividade de San Roque, e que dicía así:
«Somos de Carreira, somos, non o queremos negar, día de San Roque, non imos ao mar».
O estado actual da capela está bastante descoidado, e a mesma corre o risco de quedar danada polo seu carón
coa estrada local, a menos dun metro de separación, e que a fai moi vulnerable ó paso do tráfico rodado.
