Refuxios de vida nos vellos pozos de rego

Durante o ano 2025, a Consellería de Medio Ambiente desenvolveu un traballo de estudo e catalogación dos antigos pozos de auga presentes no Parque Natural de Corrubedo, co obxectivo de documentar o seu valor patrimonial e ecolóxico. Esta labor permitiu recompilar información sobre estas estruturas tradicionais e sobre a biodiversidade asociada a elas, dando lugar posteriormente a un estudo en formato escrito e ó material divulgativo resumido nun vídeo presentado o pasado sábado e publicado ó final do presente artigo.

No Parque Natural de Corrubedo existen pequenos elementos da paisaxe que durante moito tempo pasaron desapercibidos: os antigos pozos de rego e outras estruturas hidráulicas tradicionais. Construídos hai séculos para almacenar e xestionar a auga, estas obras creadas pola man humana cumprían unha función esencial na vida das comunidades rurais, permitindo o regadío dos cultivos e a transformación de terreos húmidos en zonas aproveitables para a agricultura. Porén, o paso do tempo deulles unha nova función que probablemente ninguén imaxinou cando foron construídos.

Traballos de investigación arqueolóxica nos pozos do lugar de Vixán. Ano 2025.

Hoxe estes pozos convertéronse en auténticos refuxios naturais para numerosas especies animais. O que antes eran simples infraestruturas agrícolas son agora pequenos oasis de vida capaces de albergar unha importante biodiversidade. Nas súas augas tranquilas e nos seus arredores atopan alimento e protección distintas especies de anfibios como ras, sapos, píntegas e tritóns, ademais de diversos réptiles, entre eles o galápago europeo máis ca nada nas pozas de Gandarela-Olveira, antigas minas de materia prima para as telleiras alí establecidas.

Dentro do propio parque destaca especialmente a parroquia de Carreira, unha das zonas onde se concentra un maior número destes antigos pozos tradicionais. Lugares como Amendo, O Vilar, Casalnovo, Vixán ou A Graña conservan aínda moitas destas estruturas que forman parte da paisaxe e da memoria colectiva do territorio. Durante xeracións, estes pozos estiveron ligados á actividade agrícola e á vida diaria dos seus habitantes; hoxe adquiren unha nova importancia como espazos fundamentais para a conservación da biodiversidade local. Moitas persoas maiores da zona aínda lembran estes lugares como parte da paisaxe da súa infancia, pequenos recunchos ligados ó traballo nas leiras e á vida cotiá das aldeas.

Os traballos de cantería nos vellos pozos de rego, son auténticas obras de enxeñaría tradicional que permanecen alleas ó paso do tempo, aguantando todo tipo de adversidades climatolóxicas.

Imaxe dun dos pozos do parque natural en pleno proceso de recheo de auga, logo das intensas chuvias do pasado inverno do ano 2025.

Esta realidade amosa unha interesante relación entre o patrimonio cultural e o patrimonio natural. Cada estrutura funciona como un pequeno ecosistema que contribúe á conservación da fauna e á conexión entre diferentes hábitats naturais. Porén, estes espazos tamén afrontan ameazas como o abandono, a colmatación, a contaminación, ou a aparición de especies invasoras.

Grazas ó interese e gran traballo de investigación realizado por un dos gardas do parque natural, dende este blog tamén puidemos aportar o noso pequeno gran de area, contribuindo á localización e documentación dalgunhas destas estruturas tradicionais. Os pozos do parque natural lémbrannos algo importante: conservar a historia tamén significa conservar a vida.

Fontes e agradecementos:

– Eladio Ramírez González. Garda do Parque Natural. Ano 2025.

– Parque Natural do Complexo Dunar de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán. Ano 2025.

– Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático. Xunta de Galicia. 23/06/2026.

Comentarios pechados

Basado en WordPress traducido por egalego.com | Tema: Baskerville 2 por Anders Noren

Subir ↑